Partido Popular de Lugo

O PP lamenta que o PSOE provincial “deixe tirados” aos seus concelleiros no Incio ao votar en contra da súa propia proposta de ceder a Casona do Incio ao Concello e conceder unha axuda de 250.000€

Martes, 28 de xaneiro de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular lamentan “a falta de apoio” de PSOE e BNG aos veciños do Incio e ao patrimonio da provincia despois de ver como “hoxe o grupo socialista na Deputación emendou ao grupo socialista do Incio”, motivo polo que o goberno provincial votou en contra de ceder a Casona do Incio ao Concello e conceder un convenio de 250.000€ para rehabilitar o inmoble.

O deputado provincial e alcalde de O Incio, Héctor Corujo, lamenta a postura tomada por PSOE e BNG xa que o que están a facer “é dar as costas a todos os veciños do Incio e, ademais, abandonar a súa sorte a un edificio de alto valor patrimonial”.

Héctor Corujo non entende “que dentro do partido socialista voten en sentido contrario” en alusión a que mentres no pleno do 30 de decembro de 2024 celebrado no Concello de O Incio os concelleiros socialistas “defenderon e votaron a favor” de que a Deputación de Lugo cedese este inmoble ao Concello así como se concedese unha axuda de 250.000€ para rehabilitar o edificio, no pleno de hoxe na Deputación tanto PSOE como BNG votan en contra desta petición.

“Realmente pensabamos que non terían problema algún en apoiar esta iniciativa, como fixeron os propios concelleiros socialistas de O Incio pero está claro que José Tomé só goberna para uns poucos, os seus afíns, abandonado ao resto da provincia”, explicou.

PETICIÓNS DE REHABILITACIÓN DA CASONA

Héctor Corujo lamenta que os gobernos bipartitos de PSOE e BNG á fronte da Deputación “propiciaran o abandono” da Casona, “malia que comprometeron en diferentes ocasións a rehabilitación do inmoble que cada día que pasa está en peor estado”.

Tanto veciños do Incio como o Partido Popular pediron en varias ocasións a rehabilitación do inmoble, un dos sinais de identidade do Incio. Os veciños do municipio se concentraron en agosto do 2018 con este fin, mentres que dende o Grupo Provincial Popular se defenderon varias iniciativas, como a que aprobou por unanimidade no pleno da Corporación Provincial celebrado en xullo do 2021 para instar ao equipo de goberno provincial a realizar a rehabilitación integral do inmoble propiedade da Deputación de Lugo.

“Durante todos estes anos, o único que fixeron dende a Deputación de Lugo foi apuntalar o inmoble, unha actuación necesaria, pero que dista moito da rehabilitación comprometida en varias ocasións e da que, tanto PSOE como BNG, se desentenderon en todo momento”, lamentou, ao que engadiu que “están a incumprir a súa palabra, evitando que o edificio se poida recuperar para o uso público”.

Ademais, no pleno da Deputación celebrado en novembro do 2024, o goberno provincial de PSOE e BNG – en resposta a unha pregunta do Grupo Provincial Popular – explicaba a súa proposta para a cesión gratuíta da Casona por parte da Deputación de Lugo ao Concello do Incio para o uso que considerara oportuno. Nese momento, o alcalde e deputado do Grupo Provincial Popular, Héctor Corujo, amosou a súa vontade para negociar, sempre que se acometeran obras para a mellora do estado do inmoble.