Partido Popular de Lugo

O PP defenderá no pleno de mañá que PSOE e BNG dean un trato “igualitario” a todos os veciños da provincia

Luns, 27 de xaneiro de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular, seguindo coa estratexia marcada dende o inicio de mandato, defenderán mañá diversas iniciativas no pleno da Deputación para esixir a PSOE e BNG un trato igualitario para todos os veciños da provincia “sen importar o municipio no que residan”.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que “non pedimos que dean máis para aqueles concellos gobernados polo PP, pero tampouco menos, senón que queremos as mesmas oportunidades para todos os lucenses da provincia”.

Neste senso, os populares esixirán “un reparto xusto dos medios do parque móbil provincial” para o que consideran necesario que a Deputación de Lugo convoque, no prazo máximo dun mes, unha mesa de traballo, coa participación de todos os grupos, para que o Goberno provincial poida coordinar o traballo dos distintos equipos do Parque móbil provincial, tendo en conta as conclusións da citada mesa.

“É fundamental analizar os concellos cos que colaborou a Deputación de Lugo no arranxo e mantemento da rede viaria nos últimos catro anos; elaborar un informe de necesidades por municipios, dando prioridade ás máis urxentes por motivos de seguridade ou por menor presencia ou colaboración dos equipos do parque móbil nos últimos anos; así como convocar esta mesa de traballo cada tres meses”, sinalou.

CASONA DO INCIO

Os deputados populares tamén pedirán que a Deputación de Lugo inicie os trámites oportunos para ceder ao Concello de O Incio a Casona para que dende o Concello poidan dar forma e desenvolver un proxecto para crear un espazo que beneficie a toda a veciñanza, “un inmoble de alto valor patrimonial pero que PSOE e BNG deixaron abandonado, polo que agora conta con importantes danos estruturais”.

Unha medida que “socialistas e nacionalistas deberían de apoiar” xa que no pleno do Concello de O Incio celebrado o 30 de decembro de 2024 acordouse por unanimidade (tanto PP como PSOE votaron a favor” solicitar á Deputación de Lugo a cesión do inmoble, así como que se conceda unha axuda de 250.000€, de acordo coa cantidade comprometida no ano 2015, para desenvolver o proxecto.

ROGOS E PREGUNTAS

No pleno de mañá, dende o Grupo Provincial Popular preguntarase ao goberno provincial polo estado de tramitación da axuda, anunciada en novembro de 2024, ao matadoiro de Sarria, de 50.000€ anuais. “Dende que conseguiron o titular, nada máis se soubo deste asunto”, denuncian.

Ademais tamén se preguntará polos criterios aplicados por PSOE e BNG para financiar a compra dun supermercado por parte do Concello de Pol, ao que concederon un convenio de 105.000€ para este fin.

Dende o Grupo Popular tamén se defenderán dous rogos para pedir ao goberno provincial a colocación de medidas de seguridade na estrada provincial LU-P-1409, no Concello de Cervantes, e para o arranxo da estrada provincial LU-P-3103 ao seu paso pola parroquia de Santa María Maior, en Mondoñedo.