Partido Popular de Lugo

O PP recorda ao PSOE que preocuparse polo rural tamén é ter en bo estado de conservación a rede de estradas provincial

Martes, 21 de xaneiro de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular lamentan que José Tomé e toda a cúpula do PSOE que hoxe non tomaran nota do “nefasto” estado de conservación da ponte que hai na estrada provincial LU-P-2408, en Guntín.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, recorda que esta estrada vai de Costañeira a Montecelo, pasando por Vilarcabreiro, e dá acceso a varias explotacións agrogandeiras, como a que hoxe visitou a comitiva socialista. “Está moi ben a súa preocupación polo sector agrogandeiro da provincia e galego, pero esta preocupación tamén debe de darse cumprindo coas obrigas propias, como que Tomé manteña en bo estado de conservación a rede de estradas provincial, totalmente deteriorada e perigosa”, denunciou.

O popular explica que é urxente actuar nesta vía dado o seu nefasto estado de conservación, sendo o seu punto máis perigoso unha ponte en curva na que é imposible que se crucen dous vehículos ao mesmo tempo e que, na súa zona interior, está afundida dende hai máis dun ano e con serio risco de caerse. “Vemos como o perigo nesta vía é moi evidente, podendo caer os condutores ao regato que pasa por debaixo, pero socialistas e nacionalistas miran cara outro lado”, sinalou.

Pola súa banda, o alcalde de Guntín, Ángel Pérez, reclamou o arranxo desta e outras vías provinciais no municipio, xa que o que están a provocar dende a Deputación de Lugo é que “como os camións que dan servizo ás ganderías non poden circular con seguridade, opten por acceder dende outras estradas, na súa maior parte municipais, danándoas tamén”. “PSOE e BNG deberían de ter en conta esta circunstancia xa que eles contan con máis recursos, económicos e técnicos para arranxar as estradas, mentres que os concellos temos que facer esforzos enormes para manter en bo estado a rede viaria municipal”, afirmou.