Partido Popular de Lugo

O PP pedirán ao goberno de Camiña Sarria á elaboracióndo plan municipal ante o risco de inundacións no municipio

Sarria, 21 de xaneiro de 2025. O Grupo Municipal Popular de Sarria proporá no vindeiro pleno que a corporación local inste ao goberno de Camiña Sarria a elaborar e presentar un Plan Municipal de Prevención e Xestión de Inundacións. “Ante a importancia de adoptar medidas ante posibles casos de emerxencias, agardamos contar co apoio de tódolos grupos da corporación municipal de Sarria”, explica a portavoz, Carmen José López.

A proposta dos populares recolle a identificación e avaliación das zonas de risco en todo o municipio, tanto urbanas como rurais, así como o contido mínimo previsto polo Plan Especial de Protección Civil INUNGAL; e a implementación de sistemas de alerta temperá e de comunicación efectiva cos cidadáns para permitir e facilitar a prevención de danos.

O municipio de Sarria encabeza o listado de localidades co maior risco de inundacións da provincia e, ademais, é un dos municipios que teñen a obriga de dispor dun plan específico. De feito, Sarria conta co maior número de inmobles en risco de sufrir inundacións de toda Galicia.


“As zonas máis vulnerables inclúen o barrio das Insuas, que xa en varias ocasións experimentou inundacións severas durante períodos curtos de fortes choivas”, explica a popular.


Outras áreas coma os barrios da Estación, A Pontevella e diversas rúas do casco urbano presentan riscos significativos, o que expón á poboación e ás infraestruturas a danos recorrentes. Zonas do municipio como a Ribela, Vigo de Sarria, Vilar de Sarria, A Veiga, Manán e Céltigos tamén están clasificadas como áreas inundables, afectando a numerosas vivendas e empresas.

Os populares piden un “exercicio de responsabilidade” ao goberno municipal co que dar cumprimento ao Plan Especial de Protección Civil ante o Risco de Inundacións en Galicia (INUNGAL) que establece a necesidade de que os municipios con áreas de risco significativo, como Sarria, elaboren un Plan de Actuación Municipal ante o Risco de Inundacións para xestionar estas emerxencias.

López cre que “a crecente frecuencia e intensidade de fenómenos meteorolóxicos extremos, como a cicloxénese explosiva, agravan o risco de inundacións, o que fai que sexa aínda máis necesario e urxente adoptar medidas preventivas e de mitigación”.