Martes, 21 de xaneiro de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular participarán dende mañá nunha nova edición de Fitur, unha das citas máis importantes do mundo para o sector turístico, e na que “agardamos que o goberno de José Tomé estea á altura para difundir de forma axeitada” a provincia de Lugo e todos os seus reclamos turísticos.
Os deputados populares lamentan que “ata o último momento” non se revelase a campaña que a Deputación de Lugo levará a Fitur, unha acción que “seguramente se deba á improvisación por parte do goberno provincial”.
Pese a todo, dende o Grupo Provincial Popular agardan que Fitur “sexa o revulsivo” que precisa o turismo da provincia de Lugo “un sector que cun goberno do Partido Popular á fronte da Deputación si que se coidou e tivo a este sector como unha referencia de xeración de riqueza e como un dos motores económicos da provincia”.
Un exemplo da implicación e o traballo por parte do Partido Popular “foi a aposta polos embarcadoiros e catamaráns, mentres que José Tomé, o PSOE e o BNG prefiren non coidalos ata o punto de crear un desguace para os catamaráns na nave que a Deputación de Lugo ten en Begonte”.
“Se de verdade se preocupasen por atraer turistas á provincia comezarían polo básico, que é ter unhas estradas en boas condicións de mantemento e desbrozadas”, xa que, cómpre recordar que “no 2024 houbo moitas estradas da Mariña completamente cheas de maleza, dificultando a circulación e a visibilidade xa no mes de xullo, coa campaña de verán xa comezada”.
Os deputados populares ven fundamental “activar” o Consorcio de Turismo Provincial “como un ente no que todos os participantes poidan realizar propostas, sexan debatidas, e, entre todos, chegar aos mellores consensos para fomentar a chegada de turistas á provincia”.