Partido Popular de Lugo

O PP defenderá no pleno a cesión da Casona ao Concello do Incio e unha axuda de 250.000 € para a súa rehabilitación

Luns, 20 de xaneiro de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no vindeiro pleno que a Deputación de Lugo inicie os trámites oportunos para ceder ao Concello de O Incio a Casona para que dende o Concello poidan dar forma e desenvolver un proxecto para crear un espazo que beneficie a toda a veciñanza.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, acompañado do deputado e alcalde de O Incio, Héctor Corujo, comprobaron o estado no que se atopa este inmoble, “totalmente abandonado e con importantes danos estruturais”.

Antonio Ameijide recorda que hai poucos días (o 30 de decembro de 2024) que o pleno do Concello de O Incio acordou solicitar á Deputación de Lugo a cesión do inmoble, así como que se conceda unha axuda de 250.000€, de acordo coa cantidade comprometida no ano 2015, para desenvolver o proxecto. “Non deberían de ter problema algún en apoiar esta iniciativa, xa que os propios concelleiros socialistas de O Incio amosaron o seu apoio a esta medida dentro dunha moción presentada polo PSOE do Incio”, explicou.

O deputado popular e alcalde de O Incio, Héctor Corujo, lamenta que os gobernos bipartitos de PSOE e BNG á fronte da Deputación “propiciaran o abandono” da Casona, “e pesar de que en varias ocasións comprometeran a rehabilitación do inmoble”.

Nos últimos anos foron varias as iniciativas, tanto dos propios veciños como do Partido Popular, para reivindicar a rehabilitación do inmoble. Os veciños do Incio se concentraron en agosto do 2018 con este fin. E, entre outras iniciativas, o Grupo Provincial Popular conseguía aprobar por unanimidade no pleno da Corporación Provincial celebrado en xullo do 2021 unha iniciativa para instar ao equipo de goberno provincial a realizar a rehabilitación integral do inmoble propiedade da Deputación de Lugo.

“Dende esa data ata a actualidade pasaron 3 anos e medio e o único que se fixo por parte deste goberno provincial foi apuntalar o inmoble, dando así cumprimento a unha parte do primeiro punto do acordo; pero obviando o máis importante: evitar que o edificio siga a deteriorarse e recuperalo para o seu uso público”, destacou Héctor Corujo.

No pleno da Corporación Provincial celebrado en novembro do 2024, o goberno provincial -nunha resposta a unha pregunta do Grupo Provincial Popular- explicaba a súa proposta para a cesión gratuíta da Casona por parte da Deputación de Lugo ao Concello do Incio para o uso que considerara oportuno. Nese momento, o alcalde e deputado do Grupo Provincial Popular amosou a súa vontade para negociar, sempre que se acometeran obras para a mellora do estado do inmoble.