Partido Popular de Lugo

O PP esixe a PSOE e BNG o arranxo da LU-P-5701 en Sarria, unha estrada que comunica con varias empresas e explotacións

Venres, 10 de xaneiro de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular esixen o arranxo da estrada provincial LU-P-5701 no termo municipal de Sarria, “unha vía que conta cunha elevada densidade de circulación polo que se deteriora continuamente”.

Os deputados populares, Antonio Ameijide e Héctor Corujo, xunto á voceira popular en Sarria, Carmen José López, e concelleiros comprobaron como “os parches realizados polo goberno provincial non serven de nada” xa que “debido á elevada densidade de circulación da vía cómpre repavimentala na súa totalidade”.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, explica que esta vía conta cunha elevada densidade de circulación debido a que conecta con empresas e explotacións, polo que son moitos os vehículos que a percorren a diario, ademais de tráfico pesado, con varias decenas de camións ao día.

A realidade é que é preciso renovar o pavimento con aglomerado en quente, ademais de limpar correctamente as cunetas para evacuar correctamente a auga, así como renovar a sinalización, tanto horizontal coma vertical.

Esta reivindicación xa foi trasladada no Pleno da Deputación de Lugo a iniciativa da portavoz do PP de Sarria, Carmen José López. Á vista de que continúa nas mesmas condicións, os deputados populares reiterarán esta reclamación ao goberno provincial, xa que “xa se defendeu a renovación integral desta estrada, pero PSOE e BNG optaron por non facer caso, mantendo a vía intransitable en moitos puntos, o que a converte en perigosa para os condutores”.