Partido Popular de Lugo

O PP pregunta que teñen que agochar PSOE E BNG para impedir a entrada ao CAM de Becerreá e temen máis danos no inmoble á vista de que se están facendo reparacións

Xoves, 9 de xaneiro de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular “temen” que haxa danos e desperfectos no edificio da residencia de Becerreá, unha obra rematada hai máis de tres anos pero que PSOE e BNG á fronte do goberno provincial “negáronse a atender e poñer en marcha” o que provoca que o edificio leve pechado máis de 3 anos “sen poñerse en servizo”.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que durante estes días todos os veciños de Becerreá puideron ver como “hai operarios realizando traballos no edificio do centro de atención a maiores” o que “seguramente sexa un indicativo de que haxa danos no inmoble por telo pechado durante tantos anos”.

Por este motivo, os deputados populares preguntarán polos traballos que se están a realizar no edificio e os motivos que ocasionaron os danos que se están a corrixir.

Antonio Ameijide sinala que ao comprobar que se están a realizar estes traballos de mantemento no centro de atención a maiores de Becerreá “agora entendemos por que PSOE e BNG se negaron a permitirnos o acceso ao edificio, xa que non querían que fixéramos públicas todas as deficiencias que apareceron no inmoble froito de telo pechado e sen poñelo a disposición dos maiores da comarca”.

O voceiro popular recorda que dende o Grupo Popular rexistrouse o pasado 19 de xullo un escrito ante a Deputación de Lugo solicitando data e hora para poder acceder ao interior do edificio. “Cunha simple ollada ao exterior do edificio xa se podía intuír que había desperfectos no edificio, pero que estean a realizar traballos de mantemento confirma as nosas sospeitas”, sinalou.

Os concelleiros do PP en Becerreá sinalan que: “A realidade deste centro de atención a maiores comarcal é que por mor das liortas entre socialistas non se abre o inmoble”, polo que non da servizo a 100 maiores da comarca en réxime de residencia, como tampouco se dá a outros 40 no centro de día. Do mesmo xeito, están a perderse uns cen postos de traballo, entre empregos directos e indirectos.

Antonio Ameijide critica “o ocultismo de Tomé, do PSOE e o BNG” ante a negativa constante a que os deputados populares poidan entrar nos edificios da Deputación, tal e como ocorreu tamén nas oficinas do Fogar de Santa María ou na nave de Begonte.

Ademais, dende o Grupo Provincial Popular sinalan que “seguiremos apoiando” á Plataforma Pro Residencia de Becerreá. “Como non pode ser doutra forma e como fixemos ata agora e seguiremos facendo, estamos ao carón dos veciños para prestar todo o noso apoio a súa xusta reclamación e non nos deteremos ata que esta residencia se abra e se poña en servizo”, recordan.