Partido Popular de Lugo

O alcalde de Pol confirma no pleno que non pensa cubrir a praza de conserxe no colexio, “un servizo que eliminou sen xustificación”

Pol, 8 de xaneiro de 2025. A portavoz do Partido Popular de Pol, Nicole Grueira, condena “o total desinterese do alcalde” pola comunidade educativa (alumnado, familias e profesorado) tras confirmar no pleno deste mércores que “non pensa cubrir a praza de conserxe” despois de deixar ao colexio sen este servizo “de forma improvisada e inxustificada”.

É dicir, trala volta das vacacións de Nadal, “a irresponsabilidade do alcalde fai que o centro continúe sen persoal que atenda e vele polo correcto funcionamento diario do centro de forma eficiente e segura”.

A popular aproveitou o punto de rogos e preguntas para pedir explicacións ao rexedor socialista sobre “os motivos da súa decisión”, despois de que o alcalde intentara evitar o debate no pleno sobre este asunto ao non incluír na orde do día unha proposta do PP -presentada en tempo e forma- para instar ao goberno municipal a cubrir de inmediato o posto de conserxe no colexio. É máis, “durante o pleno dixo que xa o incluiría cando el quixera”.

Grueira indica que “é un exemplo máis do seu autoritarismo”, unha actitude que xa é habitual nos plenos nos que interrompe continuamente á oposición. “Non nos da quenda de palabra por un tempo determinado no que poidamos expoñer o noso punto de vista sen ser interrompidas”, engade.

MARÍA GRAÑA, TOMA POSESIÓN DA ACTA DE CONCELLEIRA POLO PP

María Graña, xornalista de 36 anos e natural da parroquia de Caraño (Pol), tomou posesión no Pleno de hoxe da súa acta de concelleira do Concello de Pol polo Partido Popular “con ganas de traballar polo noso concello e os nosos veciños e veciñas”.

A portavoz, Nicole Grueira, dálle a benvida e agradécelle “a súa vontade e implicación” co proxecto do Partido Popular para Pol.

CONDENA AOS ACTOS VANDÁLICOS NO CAMPO DE FÚTBOL

Tras comunicar o alcalde no propio pleno a existencia de danos rexistrados nas instalacións do campo de fútbol municipal, en Mosteiro; a popular trasladou a súa condena “a calquera tipo de acto vandálico, de danos contra o patrimonio municipal ou calquera outro”; así coma “a nosa repulsa a calquera comportamento que quede fóra do respecto ás persoas, animais ou bens”.