Partido Popular de Lugo

O PP de Guitiriz cualifica de “malos” os orzamentos que a alcaldesa pretende aprobar para 2025, contas que superan os 5M€ e que so prevén un investimento de 135.000€

Os concelleiros do PP de Guitiriz amosaron a súa preocupación tras analizar a documentación do borrador de orzamentos que a alcaldesa Marisol Morandeira quere para o municipio para este ano, unhas contas que alcanzan os 5.511.411,60€ e que “unicamente prevén un investimento de 135.000€ en melloras no municipio”.

O voceiro popular en Guitiriz, José Manuel López, sinala que “estamos moi preocupados” por ver como a alcaldesa e o seu equipo de goberno non teñen pensado ningunha actuación para mellorar o municipio e a vida dos seus veciños xa que “con 135.000€ de investimento pouco se pode facer nun concello tan amplo como Guitiriz”.

Un dato que contrasta cos 150.000€ previstos para os gastos dos órganos de goberno, é dicir, dos cartos que percibe o equipo de goberno e co aumento na previsión de ingresos que proxecta Marisol Morandeira.

“Segundo as contas que proxecta a alcaldesa, destina máis diñeiro ao equipo de goberno do que se prevé empregar en conxunto para Cultura e Emprego”, denuncia.

Neste senso, José Manuel López indica que “na documentación que nos facilitaron” pode comprobarse como se prevén aumentos significativos na recadación de diferentes taxas e servizos:

  • Subida do 46% no IBI urbano
  • Incremento do 25% no IAE
  • Ingresar a o dobre polo ICIO e o triplo por taxas de urbanismo
  • Incrementar nun 40% os ingresos polo servizo de abastecemento de auga
  • Ingresar un 60% máis polo servizo de alcantarillado
  • Aumentar nun 30% os ingresos polo servizo da recollida do lixo

“Vemos como pretenden que os veciños de Guitiriz paguen máis por servizos básicos pero ese diñeiro non se vai a empregar en mellorar a vida da veciñanza”, denuncia.