Partido Popular de Lugo

O PP de Castroverde critica a “pésima” xestión do alcalde ante o reto demográfico e urxe medidas “que favorezan o asentamento da poboación”

Castroverde, 7 de xaneiro de 2025. Castroverde perdeu 51 habitantes o ano pasado, atendendo aos datos oficiais publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) ao peche do ano 2024.

Ante o progresivo despoboamento do municipio, “o alcalde de Castroverde non está a desenvolver medidas para afrontar o reto demográfico: a súa xestión neste sentido é pésima”, segundo critica o portavoz do PP de Castroverde, Pablo Figueiras.

O popular urxe, polo tanto, ao goberno local socialista a impulsar políticas que favorezan o asentamento da poboación. Nese sentido, incide na necesidade de mellorar os servizos municipais, implantar servizos que favorezan a conciliación da vida familiar e laboral e apoiar á implantación de empresas para xerar emprego porque “a pesar de dispoñer de solo industrial, o polígono permanece baleiro”.

Figueiras incide na “falta de políticas a medio e longo prazo para facer que Castroverde medre” á vista de que “o noso concello se desmarca da tendencia doutros municipios próximos ás grandes cidades ou vilas galegas que están medrando en poboación”.

“Mentres que outros municipios tamén limítrofes co Concello de Lugo como Outeiro de Rei, Friol ou Castro de Rei están incrementando o número de veciños e veciñas, Castroverde descende a pesar de limitar tamén coa principal cidade da provincia”, engade.

O popular cre que “o aumento de poboación nestes concellos non é casualidade, senón froito de políticas municipais efectivas adoptadas en consonancia coas necesidades actuais dos veciños e veciñas: medidas sociais acordes ás diferentes franxas de idade e facilidades á hora de asentarse e emprender unha actividade empresarial”.