Partido Popular de Lugo

O PP de Sarria agarda “un cambio de rumbo” do goberno de Camiña Sarria para que “o 2025 non sexa outro ano perdido”

Sarria, 2 de xaneiro de 2025. Os concelleiros do Partido Popular de Sarria mostran a súa preocupación polo ano perdido que supuxo 2024 para o desenvolvemento do municipio, “un ano que transcorreu sen que se acometera nin iniciara ningún dos proxectos crave e sen avances nos retos pendentes”, apuntou a portavoz, Carmen José López. É por iso polo que “agardamos un cambio de rumbo do goberno municipal” de cara ao 2025.

Os populares explican que “no 2024 se puxeron de manifesto algunhas das mentiras do goberno de Garrido”. Por unha banda, citan “o tema do matadoiro e lembran a mobilización popular á que deu lugar o seu peche, como contundente resposta ante a actitude ditatorial do alcalde, carente de sensibilidade e preocupación polas necesidades do territorio”.

Igualmente, lembran “a resolución xudicial que deixou clara a imposibilidade material de facer un auditorio na antiga Feculera, algo que Garrido sabía perfectamente, enganando deliberadamente a todos os sarriaos durante anos cun tema tan prioritario para os intereses sociais e culturais da vila”.

Os populares lamentan que non se atenda ao labor propositivo da oposición, e destacan que o pasado ano o Grupo Municipal do PP levou ao pleno 20 iniciativas para mellorar distintos aspectos do funcionamento do Concello, e melloras de distintas zonas e infraestruturas de Sarria “sen que o goberno local teña abordado ningunha delas, a pesar da súa necesidade”

Carmen José López cita, por exemplo, as propostas para a mellora da conexión a internet no rural, a promoción e sinalización dunha ruta do románico, a posta en valor do río Celeiro ou a mellora das instalacións deportivas, entre outras moitas.

Así mesmo, a portavoz popular incide “no posicionamento e voto en contra de Camiña Sarria en propostas como a da recuperación da zona da Veiguiña ou para a axilización das licencias urbanísticas, un problema que está a supoñer unha perda de oportunidades importante para o municipio e un trastorno importante para profesionais e particulares ante o que Camiña Sarria amosou un desinterese absoluto”.

AVANZAR NOS RETOS E PROXECTOS PARA SARRIA

Por parte do Partido Popular adiantan que, neste 2025, “comprometémonos a seguir mirando polos intereses de todos e cada un dos veciños e veciñas, coa firme convicción de que é urxente e necesario instar ao goberno municipal a un cambio de rumbo para avanzar nos retos e proxectos do municipio que, sen embargo, para Camiña Sarria nunca son prioridade”.