Xoves, 26 de decembro de 2024. Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán mañá que a Deputación de Lugo cumpra os compromisos adquiridos con varios municipios da provincia para facilitar a asistencia aos maiores, así como que dende o ente provincial se reclame ao Goberno do Estado a asistencia aos mutualistas lucenses de Muface.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que xunto a todos os representantes do PP de Folgoso do Courel, Portomarín, Becerreá, Guitiriz, A Pontenova, A Pobra do Brollón, Cervantes, Pantón, Ourol e O Saviñao (concellos cos que a Deputación asinou compromisos para a construción de centros de maiores) “acordamos unha liña de actuacións para esixir a PSOE e BNG o cumprimento dos acordos asinados, comezando por levar ao pleno da Deputación e dos concellos afectados mocións para esixir ao goberno provincial celeridade na execución das obras e na apertura destes centros para dar un servizo moi necesario na atención dos nosos maiores”.
Antonio Ameijide recorda que na batería de 50 propostas que presentamos ao goberno provincial para que as incorporasen aos orzamentos da Deputación para o vindeiro ano (cómpre recordar que PSOE e BNG rexeitaron aceptar estas medidas) xa figuraban:
- Apertura inminente do centro de día e residencial comarcal en Becerreá, con partidas orzamentarias específicas para contratar o mobiliario e materiais para equipar o inmoble construído e contratar o persoal necesario para asegurar a prestación do servizo.
- Axilizar e finalizar as obras de construción (en execución) dos centros de atención ás persoas maiores e centros de día nos concellos de Guitiriz, A Pontenova e A Pobra de Brollón.
- Iniciar as obras de construción dos centros de atención ás persoas maiores e centros de día nos concellos de Folgoso do Courel e Portomarín.
- Redacción dos proxectos para a posterior construción dos centros de atención ás persoas maiores e centros de día comprometidos nos concellos de Cervantes, Ourol, Pantón e O Saviñao.
MUFACE
Os deputados populares tamén pedirán a unidade da corporación para reclamar ao Goberno do Estado que dea unha aos case 8.000 funcionarios lucenses afectados pola crise de Muface, algo para o que urxe “dar cobertura, certeza e seguridade a todos os afectados”.
ROGOS E PREGUNTAS
Os deputados populares defenderán tamén dous rogos, un para que a Deputación inicie un proceso público de cesión dos bens almacenados na nave de Begonte para que todos os concellos ou entidades interesados en darlles uso poidan facelo de forma gratuíta, así como que a Deputación esixa ao Goberno central que se dea unha solución aos veciños de Santo Estevo (Pantón) que quedaron illados como consecuencia das obras de electrificación da vía do ferrocarril.
Tamén se realizarán dúas preguntas, unha para coñecer a posición que tomará o goberno provincial no caso de que o proxecto de Altri para Palas de Rei cumpra con todos os requisitos legais e obteña todos os permisos e informes favorables necesarios, así como que medidas de apoio dará a Deputación aos GES que hai na provincia para asegurar que sigan a prestar un servizo fundamental para a veciñanza.