Rábade, 23 de decembro de 2024.- Os senadores do PP pola provincia de Lugo – José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- explicaron nunha reunión coa alcaldesa, Remedios González, e representantes dos empresarios do polígono de Rábade os termos do acordo adoptado recentemente no Senado de España trala aprobación dunha iniciativa do Grupo Popular para esixir ao Goberno de España a posta en marcha das medidas necesarias para ampliar o polígono e acometer un novo acceso dende a N-VI, pola rúa Galicia. O presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de Rábade (AEPIR), Luis Iglesias, trasladou a súa satisfacción polo acordo en nome dos empresarios.
Os populares explicaron que lograron sacar adiante a iniciativa, “a pesar do voto en contra do PSOE”. Así mesmo, explican que “o BNG nin participou no debate” e engaden que “chama a atención que outros grupos -coma o PNV ou Vox- si apoiaran esta proposta” que ten como obxectivo “dotar de maior solo industrial a un polígono cunha ubicación estratéxica”, así como “mellorar a súa accesibilidade, conectividade e eficacia loxística”.
A ampliación e a habilitación dun novo acceso é unha demanda dos empresarios trasladada pola alcaldesa e, incluso, polos propios empresarios noutra reunión cos senadores celebrada o pasado mes de setembro. Trala aprobación do acordo no Senado, “faremos seguimento do acordo e agardamos que o Goberno de Sánchez mova ficha, toda vez que é a administración competente ao ser un polígono promovido e xestionado por Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) participado pola entidade estatal do solo SEPES, dependente do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana”, apuntan os senadores.
Remedios González incidiu en que “a ampliación a través da 4ª fase contribuiría a atraer máis actividade empresarial”. Ao respecto, a rexedora manifestou que “o Concello está disposto a ceder os terreos colindantes” e apela á “vontade colaboradora por parte das distintas administracións, como xa ten amosado a Xunta” para facer realidade a demandada ampliación deste parque empresarial.
O presidente da AEPIR lembrou que “levamos anos demandando a ampliación do polígono” e incidiu en que “hai demanda e empresas interesadas en adquirir solo en Rábade”. Así mesmo, sinalou que “se a ampliación estivera feita, poderían estar instaladas máis empresas en Rábade” e contribuiría a “dar vida a Rábade”.
NOVO ACCESO AO POLÍGONO
O polígono industrial de Rábade acolle unha ampla variedade de empresas, moitas delas do ámbito loxístico. Nese sentido, González defende “a construción do acceso ao polígono dende a N-VI porque “favorecería a conectividade e competitividade do polígono” e, ademais, suporía importantes beneficios para Rábade porque tamén “evitaría o paso de tráfico pesado polas rúas” da vila e o deterioro das vías empregadas na actualidade.