Partido Popular de Lugo

Ameijide advirte do “enésimo incumprimento dos prazos en relación ás residencias da Deputación por parte do goberno provincial de PSOE e BNG”

Luns, 23 de decembro de 2024. Os portavoces do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, advirte do “enésimo incumprimento” do goberno de PSOE e BNG en relación á rede de residencias provinciais.

Ameijide comprobou xunto ao portavoz do PP en Guitiriz, José Manuel López ‘Portolamas’, o “lento avance” das obras de construción desta infraestrutura prometida aos veciños e veciñas de Guitiriz fai moitos anos. A súa construción foi adxudicada en xaneiro do ano pasado e preto de dous anos despois, continúa aínda en construción polo que esixen “axilidade”.

O portavoz do PP subliña que “o propio goberno provincial recoñece o atraso nas obras toda vez que aprobou no mes de outubro unha prórroga de nove meses para a execución destas obras”. Nese sentido, advirte que “PSOE e BNG volven atrasar a construción da residencia de Guitiriz”. Neste caso, como mínimo, “ata xullo do 2025”.

Os populares lembraron a “nefasta” xestión do PSOE e BNG en materia de residencias á vista de que “incumpren o compromiso cos veciños e veciñas de 10 concellos” onde permanecen pechadas como a comarcal de Becerreá, en construción como a de Guitiriz, A Pontenova ou A Pobra de Brollón, sen iniciar as obras en Folgoso do Courel e Portomarín ou, incluso, sen proxecto como en Cervantes, Ourol, Pantón e O Saviñao.

A residencia de Guitiriz non só sofre continuos atrasos, senón que o edificio cedido polo Concello para a construción da residencia -a coñecida como Casa da Botica, un edificio emblemático, con valor histórico e elementos patrimoniais catalogados situado no centro da localidade- foi derrubado polo goberno provincial.

ACCIÓNS COORDINADAS

Recentemente, os representantes do PP na Deputación e nos Concellos afectados anunciaron unha liña de actuacións para esixir a PSOE e BNG o cumprimento dos seus compromisos. De feito, o Grupo Provincial Popular levará ao pleno da Deputación deste venres unha iniciativa para esixir ao goberno provincial “celeridade na execución das obras e na apertura dos centros de atención a maiores”. Antonio Ameijide incide en que “seguiremos ao carón” dos veciños de todos estes municipios ata acadar a apertura dos centros comprometidos.

O portavoz explica que “o goberno provincial non prevé a apertura de novas residencias no 2025, nin das residencias en construción ni das que tiñan comprometido, á vista de que os orzamentos da Deputación de Lugo para 2025, que aprobaron en solitario PSOE e BNG, o partida total para os centros de atención a maiores baixa máis de 96.000 euros e os investimentos reais diminúen nun 12%”.