Partido Popular de Lugo

O PP de Sarria pide unha actuación coordinada entre o Concello e a CHMS para impulsar un plan de recuperación da zona da Veiguiña

Sarria, 18 de decembro de 2024. A portavoz do Grupo Municipal Popular, Carmen José López, cre “oportuno afondar nas actuacións de rexeneración e recuperación do valor do entorno da Veiguiña para o seu aproveitamento como espazo de encontro e lecer dentro dos usos e actuacións compatibles coa zona de dominio público hidráulico”, unha vez que se anunciou o remate das obras da mellora do saneamento e estación depuradora da EDAR de Sarria.

López defende que “dende o Grupo Municipal do Partido Popular seguimos levando a cabo unha oposición propositiva para mellorar a calidade de vida dos veciños e ofrecer mellores infraestruturas e servizos”. Nesta ocasión, proporemos no vindeiro pleno que o Concello de Sarria xestione ante a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil -entidade dependente do Goberno de España- unha actuación coordinada para impulsar un plan de recuperación da zona da Veiguiña.

Carmen José López cre que este plan debe contemplar medidas para a recuperación das áreas degradadas, actuacións de conservación da flora e fauna autóctonas, a creación de espazos accesibles e con equipamentos axeitados para o aproveitamento sustentable do entorno como espazo natural de lecer e a recuperación da ponte.

De feito, sinala que “a plataforma da ponte quedou partida á metade a raíz do temporal e das enchentes rexistradas en xaneiro do ano 2023 e, a día de hoxe, segue sen unha solución”.

A VEIGUIÑA, PARTE DA IDENTIDADE LOCAL

A zona da Veiguiña constitúe un enclave de valor natural, paisaxístico e un entorno emblemático apreciado pola veciñanza caracterizándose pola súa vexetación e elementos fluviais que crean un espazo senlleiro cun importante potencial para a actividade ao aire libre e de aproveitamento sustentable. Noutros tempos destacou por tratarse dun lugar de esparexemento polo que, “ademais do seu valor natural, esta zona ten un significado cultural e social, como parte da identidade local”.