Lugo, 17 de decembro de 2024. Ante as declaracións contraditorias por parte dos distintos Ministerios do Goberno de Sánchez en relación á Mutualidad General de Funcionarios de la Administración Civil del Estado (MUFACE), dende o Partido Popular esiximos aclarar a situación e “dar unha solución a longo prazo e definitiva que dea cobertura, certeza e seguridade ao millón e medio de funcionarios acollidos a este sistema mutualista”, segundo manifesta o portavoz provincial do PP, Antonio Ameijide.
“No caso da provincia de Lugo, son arredor de 8.000 os usuarios que non saberán se contarán con cobertura sanitaria a partir do 31 de xaneiro porque non se sabe que vai pasar con MUFACE”, segundo expón o popular.
Precisamente este luns se celebraba unha concentración en Lugo organizada por CSIF, o sindicato maioritario dos funcionarios, para reclamar, entre outras melloras, unha solución ante a incerteza xerada polo Goberno de Sánchez en relación a MUFACE.
Os deputados do PP na Deputación trasladan o seu apoio e súmanse ás reivindicacións dos afectados; polo que defenderán no vindeiro pleno unha iniciativa para esixir ao Goberno de Sánchez informar con transparencia dos procedementos adoptados para a nova licitación para o concerto de xestión de MUFACE e adoptar cantas medidas sexan precisas para garantir a plena asistencia aos mutualistas, licitando de maneira urxente o concerto con MUFACE, e impedindo que esta impacte nos sistemas públicos das distintas comunidades autónomas.
Ameijide explica que as principais aseguradoras rexeitaron presentarse ao concerto da mutualidade debido ao infrafinanciamento por parte do Goberno de España, que incluso publicou un informe no que se concluía que este modelo non era sostible e se deberían transferir os usuarios á sanidade pública. “Isto parece seguir a liña da histórica reivindicación da ministra de Sanidade (Sumar) que contrasta agora co anuncio do ministro de Función Pública (PSOE) de preparar unha nova oferta cunha subida do 40% en tres anos”, engade.
O popular advirte que “os usuarios quedarían sen prestación sanitaria en caso de que o Goberno de España non poña remedio a esta situación; o que provocaría o colapso do sistema sanitario público, que se vería obrigado de súpeto a absorber un incremento notable da demanda asistencial, sen a planificación axeitada, o que dificultaría unha atención de calidade”. Ameijide incide en que “é de especial urxencia que o Goberno de España adopte todas as medidas que sexan precisas para garantir a continuidade do sistema, licitando canto antes o concerto e prevendo as medidas necesarias que garantan a atención sanitaria a estes mutualistas en caso de non conseguir ofertas”.