Partido Popular de Lugo

O PP de Sarria levará ao próximo pleno a situación da recollida do lixo e limpeza viaria para “poñer fin a unha situación insostible”

Sarria, 17 de decembro de 2024. O PP de Sarria introducirá no vindeiro pleno municipal o debate sobre “o problema existente co lixo e a sucidade que afecta ás rúas da nosa vila” esixindo ao goberno municipal “poñer fin a esta situación insostible”.

A portavoz, Carmen José López, sinala que “a situación é unha vergoña: ofrece unha lamentable imaxe da vila, pero tamén é unha cuestión que afecta á salubridade pública”. Ademais, advirte que de forma colateral “afecta tamén aos traballadores do servizo de recollida e ás súas condicións”.

Ante os incumprimentos e escusas do alcalde e o goberno de Camiña Sarria que anunciaran en setembro que o contrato estaría licitado en novembro, os populares pedirán no pleno “o compromiso para axilizar unha nova licitación do servizo cun calendario e folla de ruta claros coa garantía de que se manteña a recollida nas distintas parroquias; ademais de medidas para garantir a mellora do servizo de forma inmediata”.

Concretamente, os concelleiros do Partido Popular urxen ao goberno municipal a axilizar os trámites necesarios para licitar, de inmediato, o contrato do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria, co fin de garantir unha prestación adecuada e eficiente deste servizo esencial.

Ademais, requírenlle ao alcalde que informe de forma detallada sobre as medidas anunciadas relativas á centralización da recollida no medio, garantindo que non se produza un recorte dos servizos aos diferentes núcleos

do Concello e que se manteña a equidade no acceso aos mesmos.

A través desta iniciativa, o PP tamén pretende que a corporación acorde instar ao goberno municipal a tomar medidas urxentes para a mellora inmediata da situación actual, priorizando a substitución dos contedores danados e a limpeza extraordinaria das zonas máis afectadas.

Os populares piden o compromiso do goberno municipal para establecer un calendario claro e público de pasos previos para regularizar a prestación deste servizo, incluíndo as datas de publicación do novo contrato e os prazos de execución.

A popular incide en que “o goberno municipal non é capaz nin de atender as súas competencias en servizos básicos” á vista da “acumulación do lixo en contedores que se atopan desbordados e, moitos deles, en mal estado (rotos, oxidados ou con mecanismos inservibles). Ademais, son claramente insuficientes”.

CRONOLOXÍA

O servizo de recollida do lixo vén prestándose dende agosto de 2020 sen un contrato formal, “unha situación irregular que xa foi denunciada en múltiples ocasións tanto polos traballadores da empresa concesionaria como por este Grupo Municipal do Partido Popular”.

En setembro de 2020, o goberno municipal xustificaba esta demora na falta de aprobación dos orzamentos, mais dende entón aprobáronse novas contas tanto no ano 2022 como no presente exercicio, sen que se resolvera esta

problemática. “A falta de actuación do goberno local está a agravar unha situación xa insostible”, sosteñen os populares. Ademais, as declaracións do alcalde sobre a intención de centralizar a recollida no medio rural en determinados puntos esixen aclaracións para evitar que esta medida supoña unha redución ou recorte nos servizos prestados aos distintos núcleos do concello.