Madrid, 17 de decembro de 2024.- O senador do PP lucense, José Manuel Balseiro, defendeu na Cámara Alta que Rábade ten dereito a un polígono industrial máis amplo e mellor conectado. Fíxoo a través dunha moción promovida polos senadores populares por Lugo que se debateu esta mañá na Comisión de Vivenda . A iniciativa saíu cos votos en contra do PSOE, mentres que o BNG nin asistiu.
O acordo pide ao Goberno de España que, ademais de levar a cabo a ampliación do polígono industrial de Rábade, o dote dun novo acceso ao recinto empresarial desde a estrada nacional N-VI, que o faría moito máis competitivo.
O senador lucense explica que, deste xeito, “o Senado faise eco dunha demanda liderada pola alcaldesa, Remedios González, que deu conta do seu interese e o da Corporación que preside, por que se leve adiante a ampliación do polígono industrial desta localidade”.
“Non se trata dun capricho senón dunha obra altamente demandada e moitas veces prometida, pero aínda pendente”, continúa Balseiro.
O polígono industrial de Rábade é unha infraestrutura de referencia na provincia de Lugo favorecida polo seu emprazamento céntrico e estratéxico, e porque foi capaz de atraer unha ampla variedade de empresas e negocios que xeran riqueza e emprego neste municipio.
A administración competente é a do Estado xa que este polígono foi promovido e xestionado pola entidade estatal Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), participada maioritariamente polo Goberno de España a través da Entidad Pública Empresarial del Suelo (SEPES) dependente do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana.
Con todo Balseiro sinalou que no desenvolvemento deste proxecto nin o Concello de Rábade, que está disposto á ceder terreos, nin a Xunta de Galicia, para o caso de que sexa necesaria calquera modificación urbanística, “non serán un obstáculo”, pois o obxectivo é facer realidade esta ampliación á maior brevidade.
EMENDA DO PSOE REXEITANDO UN NOVO ACCESO
O PP rexeitou unha emenda coa que o PSOE se centraba só na ampliación do polígono de Rábade, pero non incluía os accesos. “Nós entendemos que é primordial tanto a ampliación como dotalo dun novo acceso”, conclúe Balseiro.