Luns, 16 de decembro de 2024. Tras meses de presión dende o Grupo Provincial Popular acaban de achegarnos o inventario e tras analizar os bens catalogados na nave de Begonte, os deputados do Grupo Provincial Popular piden a PSOE e BNG a elaboración dun procedemento público para dar publicidade a todo o inventariado e a súa posta a disposición xa que “para moitos concellos ou entidades pode ser de gran utilidade e así se porían en valor”.
O voceiro popular, Antonio Ameijide, explica que segundo o inventario facilitado polo goberno provincial hai 203 referencias catalogadas e todo o material se valorou en 182.300€.
Unha valoración que “podería ter que realizarse de novo”, sinalan dende o Grupo Popular, xa que consideran que “semella demasiado baixa” para todo o material alí almacenado, como obras de arte, maquinaria de obra e de xardinería, embarcacións de todo tipo, material deportivo e polideportivo, equipamento para edificios e oficinas ou electrodomésticos industriais.
“Somos conscientes de que hai material que tras varios anos alí tirado puido danarse e perderse, pero tamén sabemos que hai moitos elementos que cunha posta a punto serían de gran utilidade para dar servizo aos veciños da provincia”, sinalan.
Neste senso, Antonio Ameijide pide a PSOE e BNG que reconsideren a catalogación e valoración dada a moitos elementos, “de residuo e un valor de 0€”.
A realidade é que a valoración realizada nada ten que ver coa realidade, xa que están a tratar como residuos elementos que teñen moito valor, dende elementos históricos e culturais, como valorar nuns centos de euros estatuas e obras que custan decenas de miles de euros “e que poderían colocarse en diferentes concellos da provincia para difundir o legado cultural de Manuel Mallo”.
MATERIAIS CATALOGADOS
- Maquinaria: 24 referencias e 24 elementos valorados en 111.210,46€. Neste eido aparecen vehículos de obra, como camións, furgonetas, unha mini escavadora, rampas de carga ou ferramentas de man, ademais de elementos para o coidado do xardín, como desbrozadoras, 7 cortacésped, rotocultores, ou tractores. “Toda esta maquinaria leva anos tirada nunha nave en lugar de prestando servizos en moitos concellos e incluso ser cedida a entidades para poñelos en valor”
- Embarcacións: 33 referencias e 273 elementos valorados en 3.412,40€. Poden destacarse embarcacións como dous veleiros, zodiacs de salvamento, 10 motores, pantalanes, barcos de vela individuais ou máis de 200 salvavidas. “Falamos de embarcacións que se poderían empregar para cursos de iniciación á navegación, tanto na Mariña, Ribeira Sacra ou en zonas con embalses ou ríos, ou para dispositivos de vixilancia e rescate”.
- Electrodomésticos: 24 referencias e un total de 28 elementos valorados en 1.985€.
Entre os bens que se poden atopar nesta categoría hai lavadoras e secadoras industriais e cociñas industriais completas, con todo tipo de electrodomésticos.
- Material deportivo e polideportivo: 10 referencias e un total de 198 elementos que valoran en 16.985,37€
Entre os bens catalogados neste eido aparecen as bancadas retiradas do Pazo dos Deportes, canastras completas, bancos ou lonas para separar pistas nun pavillón.
- Material de obra: 12 referencias e 153 elementos cun valor de 2.971,90€. Andamios, carretillas ou palés de material de obra.
- Equipamento de edificios: 39 referencias e 742 elementos cun valor de 8.657,63€. Entre o material que se ve nesta referencia hai todo tipo de mobiliario, como mesas, cadeiras, andeis ou armarios.
- Obras de arte: 7 referencias e 18 elementos valorados en 560€. Esculturas de Manuel Mallo, cadros ou o antigo reloxo de sol de Guitiriz. “Valorar en centos de euros obras de arte polas que se pagaban miles de euros non semella axeitado”.
- Pedra: 36 referencias e 741 elementos cun valor de 30.160€. Diferentes tipos de ferramenta para tallar pedra, material como granito ou a antiga sinalización do Camiño de Santiago.
- Varios: 18 referencias e 124 elementos valorados en 6.292,71€. Carteis, vallas ou o antigo peche do Fogar de Santa María.
Antonio Ameijide destaca que todo este material “sae do ostracismo” tras anos tirado nesta nave “grazas á presión e o interese amosado polo Partido Popular en saber todo o que aí hai e en recuperalo, como tamén vemos que é vergoñento que todas estas referencias leven como mínimo tres anos aquí tiradas, depreciándose e podrecendo, cando poderían ter sido moi útiles para moitos concellos e entidades da provincia”.
Neste senso, destaca como, por exemplo, a maquinaria de obra podería cederse temporalmente para que os concellos realicen labores de mantemento no seu territorio; como as embarcacións poderían empregarse en Ribeira Sacra, por exemplo, para dar cursos de iniciación á navegación, ou que as obras de arte de Manuel Mallo poderían lucir en calquera concello da provincia, en lugar de estar pechadas baixo chave nunha nave dun polígono industrial.