Lugo, 14 de decembro de 2024.- A presidenta provincial, os deputados e senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo ofreceron hoxe unha rolda de prensa para explicar que “dende o Partido Popular defendemos a continuidade e fortalecemento de Muface e pedimos que o Goberno solucione o problema que xerou”.
Na provincia de Lugo calcúlase que habería máis de 8.000 afectados. “Vemos con moita preocupación como o Goberno do Estado está improvisando cunha medida que afectará o conxunto de todos os lucenses.
A incapacidade do Goberno central para xestionar Muface provocaría que a área sanitaria de Lugo sexa a segunda máis afectada de Galicia, por detrás de Ourense e por diante das de Pontevedra e A Coruña.
De confirmarse o fin de Muface, as listas de agarda na área sanitaria de Lugo poderían aumentar ata en 14 días en cirurxía e ata en 19 días no caso de consultas externas.
Os deputados e senadores do PP de Lugo mantiveron hoxe unha xuntanza con representantes do CSIF en Lugo para “coñecer de primeira man a situación na que se atopan, así como trasladarlles o total apoio do PP nas súas reivindicacións”.
Os representantes do PP lucenses na Cámara Alta e na Cámara Baixa cualificaron a actuación do Goberno central de “irresponsabilidade” e esixen ao executivo central “xestionar e buscar unha solución á crise de Muface, que está a provocar incerteza e preocupación en miles de familias que están a ver como mercadean coa súa asistencia sanitaria”.
A realidade é que “o Ministerio ten que analizar as cifras e mover ficha. Del depende refacer unha nova licitación cunha oferta que se axuste ao solicitado polas entidades xa que o Goberno de Pedro Sánchez é o único responsable de crear un problema onde non o había”.
UN GOBERNO DIVIDIDO
Dende o Partido Popular séguese de preto a situación e mantéñense conversas constantes cos conselleiros de Sanidade para analizar a evolución deste problema e as consecuencias que podería ter no sistema sanitario de cada comunidade.
“Vemos como se pon en evidencia que non hai un liderado á fronte do executivo central. A realidade é que hai un bipartito de PSOE e SUMAR que están a utilizar a todos os cidadáns nunha loita de poder que só lles interesa a eles”, sinalaron, ao que engadiron que “antepoñen os seus intereses ao interese xera de todos os lucenses e españois”.
“Están a improvisar cun asunto tan importante como a sanidade e esta improvisación unicamente pode prexudicar aos lucenses e aos galegos”, sinalaron.
A nivel parlamentario, solicitáronse xa as comparecencias tanto do ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública de España, Óscar López, como da ministra de Sanidade, Mónica García, para que dean explicacións, ademais de rexistrarse unha PNL e formular máis dun cento de preguntas parlamentarias sobre este asunto.