Partido Popular de Lugo

Os senadores do PP lucense afean que “o Goberno de Sánchez non teña intención de rebaixar o status de protección do lobo”

A Pastoriza, 12 de decembro de 2024.- “O Goberno de Sánchez non ten intención de rebaixar o status de protección do lobo e, ademais, deriva aos seguros agrarios”, segundo afirman os senadores do PP lucense -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- tras coñecer a resposta oficial a preguntas formuladas no Senado.

Os senadores expuxeron nunha reunión celebrada na Pastoriza con alcaldes e portavoces das comarcas da Terra Chá e A Mariña e con gandeiros afectados polos ataques do lobo as explicacións do Goberno de Sánchez á pregunta formulada para coñecer se tiña intención de retirar o lobo da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE) en consonancia coa Unión Europea (UE) que vén de aprobar a rebaixa do seu nivel de protección de ‘estritamente protexido’ a ‘protexido’.

O Goberno de España argumenta que o estado de conservación da especie é desfavorable-inadecuado ao norte do río Douro, “con base nun censo nacional que non se actualiza dende fai 6 anos”, segundo puntualizan os populares. Pero, “á vista do número de avisos por ataques dende o 2021 que en Galicia se incrementou nun 72%”, segundo se desprende dos datos provisionais da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, os senadores defenden que o estado de conservación da especie non é desfavorable, a partir da información da que se dispón na comunidade.

Así, o Grupo Popular reclamará dende o Senado ao Goberno de Sánchez que retire o lobo da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE), que revise a súa estratexia adecuándoa aos datos do censo actuais e que se aprobe unha nova co consenso das comunidades autónomas.

Polo tanto, reclaman ao Goberno de Sánchez que “rectifique e deixe de poñer trabas administrativas ao control da especie para garantir o equilibrio entre a súa protección e a actividade gandeira, tal e como demanda o sector”. E inciden en que “á vista da importante participación nesta convocatoria, se trata dun tema que preocupa aos gandeiros e gandeiras”.

Os senadores piden que “o Goberno de Sánchez deixe de dar as costas aos lucenses. E, máis concretamente, aos gandeiros e gandeiras que se vén afectados polos ataques desta especie causando danos e baixas irreparables entre os seus animais e, polo tanto, perdas económicas na súa actividade. O que vimos ata agora é que o Goberno de Sánchez, coa complicidade do PSOE galego e do BNG, defende máis o lobo que aos nosos gandeiros e gandeiras”, segundo afean os representantes do PP por Lugo no Senado.

De feito, o pasado mes de setembro, “España foi -xunto a Irlanda- un dos países que votaba no Consello Europeo en contra da proposta aprobada para rebaixar o status do lobo”. Os senadores sinalaron ao respecto que “dende o PP temos claro que estaremos ao lado dos gandeiros da nosa provincia e seguiremos pedindo ao Goberno de Sánchez que retire o lobo da lista de especies ameazadas”.

A XUNTA, COS GANDEIROS

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a convocatoria de liñas de axudas de prevención e indemnización polos danos do lobo incrementando nun 50% o orzamento con respecto ao ano 2024.

E a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático do Goberno galego remitía recentemente unha carta á nova Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico solicitando unha reunión para abordar as peticións da Xunta de Galicia entre as que se atopa a autorización dalgunha medida excepcional de xestión desta especie.