Partido Popular de Lugo

O PP solicita ao Concello de Monforte a creación dun Plan de Actuación ante posibles inundacións

Os concelleiros do PP de Monforte defenderán no pleno que o Concello de Monforte elabore un Plan de Actuación municipal ante posibles inundacións de cara a que “o municipio estea o mellor preparado posible ante posibles fenómenos deste tipo” xa que “Monforte é unha cidade que adoita anegarse cando chove con certa intensidade”.

Así o explica a voceira popular Katy Varela que especifica que sería axeitado que este plan establecese as zonas do concello e os elementos vulnerables en función do risco potencial de inundacións; contemplase tamén os procedementos de información e alerta aos monfortinos e sinalara a estrutura e os procedementos de intervención ante unha emerxencia e defina os medios e recursos específicos para mobilizar en caso de unha emerxencia.

A realidade é que Monforte é, segundo a CHMS, a segunda área hidrolóxica con máis tramos de río, algo máis de 60 quilómetros, en zona de risco de inundacións na cunca do Miño-Sil. “Todos os monfortinos recordamos diferentes casos de inundacións ocasionadas polo desbordamento do río Cabe, normalmente consecuencia de episodios de altas precipitacións que provocan o desbordamento, polo que é mellor estar previdos”, sinalou.

O sucedido nas últimas semanas no noso país “fíxonos reflexionar a todos” sobre a necesidade de actuar con previsión e elaborar un plan de actuación ante episodios climáticos extraordinarios, sobre todo na cunca do Cabe, que se caracteriza por precipitacións de mediana intensidade e persistencia no tempo, o que provoca unha saturación do solo e posterior escorrenta, e se a isto engadimos deficiencias na rede de saneamento e falta de limpeza de cunetas e desaugues podemos sufrir inundacións en calquera punto do noso municipio.

De feito, a propia Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, mediante resolución do 18 de Outubro de 2024 publicou o Plan Especial de Protección Civil ante o Risco de Inundacións en Galicia (Inungal) considera que Monforte de Lemos “ten risco potencial significativo de inundación”, un risco que considera “baixo, con perigosidade media-baixa e risco medio-baixo”.