Partido Popular de Lugo

O PP logra aprobar que o bipartito esixa á Deputación o diñeiro prometido para o Conservatorio Municipal cos votos en contra de PSOE e BNG que deixan claro que “non van cumprir o acordo con XViveiro”

Viveiro, 5 de decembro de 2024. O Grupo Municipal do PP de Viveiro conseguiu aprobar no pleno deste mércores unha iniciativa para que o bipartito viveirense reclame á Deputación de Lugo o diñeiro que debe para o Conservatorio Municipal, tal e como recolle un dos 15 puntos do acordo entre o PSOE e XViveiro para a investidura da señora Loureiro como alcaldesa. A iniciativa foi aprobado cos votos a favor do PP e XViveiro e en contra de PSOE e BNG que demostran que “faltan á súa palabra” e que “non van cumprir ningún dos puntos do acordo programático”.

A portavoz, Mariña Gueimunde, explica que “o primeiro punto era o compromiso de que a Deputación de Lugo financiara o 50% dos gastos de funcionamento deste servizo municipal que supera o 1,1M€ anuais”. Nese sentido, incide en que “non cumpriron no 2023, nin no 2024 e tampouco hai previsión para o 2025 porque o único que recollen con nomes e apelidos é unha subvención de 15.000 euros”.

A portavoz popular entende, nese sentido, que “non van cumprir o acordo. Nin ese punto nin ningún outro”. Incluso, “o propio señor Fraga recoñecía no pleno deste mércores que non se cumprira ningún punto, pero XViveiro segue apoiando ao goberno e mantendo a PSOE na alcaldía e a BNG na tenencia de alcaldía”.

Gueimunde explica que “o BNG, pola súa parte, presentou unha emenda aos orzamentos da Xunta para quitar recursos a programas de Educación Especial e dirixilos aos Conservatorios de toda Galicia que están en mans doutras administracións coma os Concellos. Sería, ademais, unha cantidade que non sería suficiente ao supoñer, aproximadamente, 200.000 euros para o de Viveiro”. Así, considera que “para o BNG é máis importante financiar estes servizos que están prestando os Concello que prestar servizos de educación ás persoas que precisan atención preferente”.

RESPONSABILIDADE DE XVIVEIRO

Os populares apelan á “responsabilidade” de XViveiro que “ten na súa man cambiar e modificar a deriva deste Concello. Se non tomou ningunha decisión e senón o fai agora que lle confirmaron que non se vai cumprir ningún punto deste acordo, será cómplice de todo o que faga este bipartito, incluídas as mentiras”, conclúe a portavoz do PP local.