Partido Popular de Lugo

O PP de Láncara advirte que “os orzamentos municipais aumentan pola subida de impostos e taxas aos veciños e aínda así descenden os investimentos en 200.000 euros”

Láncara, 4de decembro de 2024. O PP de Láncara advirte que “os orzamentos do goberno socialista para o 2025 se incrementan por subir impostos e taxas aos veciños e veciñas e, aínda así, descenden os investimentos en obras e melloras con respecto a este 2024. Concretamente, 200.000 euros menos”.

A portavoz, Olga Capón, explica que “na última sesión plenaria na que o goberno do PSOE aprobou o orzamento, tamén subiu as taxas pola recollida de residuos”. Ao respecto, indica que “Láncara ten uns datos alarmantes: un gasto de máis de 10.000 euros mensuais a pesar de dispoñer dun servizo pésimo, con contedores rotos ou escasos e sen desenvolver ningún tipo de acción de reciclaxe”. É máis, “o Concello ten que facer fronte a sancións por impropios (mestura de todo tipo de residuos, incluídos os voluminosos) e o contrato de recollida do lixo está caducado e sen renovar dende setembro do 2022”.

Os populares tamén botan en falta partidas para impulso e dinamización económica -nada para o polígono industrial, apoiar o pequeno comercio ou impulsar o sector turístico- para facilitar o acceso á vivenda ou para acondicionar inmobles de titularidade municipal -como as escolas rurais- ou espazos verdes.

“Tampouco recollen as contas do goberno local nada para as traídas de auga para as parroquias que aínda non dispoñen deste servizo, a pesar de que o prometeu en campaña electoral”, explica Capón. E, en relación ás obras que tiña anunciado o alcalde para o 2023 algunhas iniciáronse no 2024 e outras non, como as do punto limpo. E o acceso ao polígono na Puebla, entre as obras previstas para este 2024, queda para o 2025.

Os populares avanzan que “estaremos vixiantes para que o goberno municipal cumpra con todo o que promete nos presupostos municipais para o vindeiro ano”.

APOIO DA XUNTA

A portavoz popular do PP destaca as achegas da Xunta de Galicia para Láncara sempre que o goberno municipal solicita en tempo e forma e adaptando as solicitudes á liña específica para a que foran creadas.

Capón subliña os máis de 410.000 euros para o obradoiro de emprego Os Soutos -en conxunto cos Concellos de Samos e Paradela- do que se beneficiarán 8 veciños do municipio que, ao mesmo tempo, realizarán traballos de acondicionamento de áreas recreativas, paseos e xardíns.

A popular afeou que no acto inaugural celebrado este luns na Puebla non participara nin o alcalde nin ningún outro concelleiro en representación do goberno municipal, mentres que si asistiu a alcaldesa de Samos e a terceira tenente de alcalde de Paradela.

ESTRADAS MUNICIPAIS DAS PARROQUIAS DA MONTAÑA

Os populares lembran, en relación ao arranxo das estradas da montaña, que “dende o primeiro pleno deste mandato e en tódolos medios ao noso alcance reivindicamos a necesidade de arranxar as pistas. O alcalde recoñece agora o mal estado destas vías de titularidade municipal, despois de obviar as queixas dos veciños destas parroquias durante 9 anos”. Os concelleiros do PP seguirán demandando o arranxo das vías que están mal e supervisarán “que o alcalde cumpra todo o que promete”.

A portavoz explica que “os orzamentos para o 2025 non contemplan os fondos que a Xunta de Galicia dirixe a través do Plan Marco para o arranxo de camiños municipais” pero agarda que “o alcalde e o seu goberno non perdan a oportunidade de beneficiarse desta achega da Xunta para mellorar máis vías municipais”.

BRIGADAS CONTRA INCENDIOS E ROZAS

O goberno local de Láncara non solicita axudas á Xunta para a contratación de brigadas municipais contra incendios e levamos xa dous anos sen este servizo que, ademais, xeraría emprego. De feito, poderíanse crear 2 brigadas que supoñen 10 postos de traballo e que permitirían rozar 20 hectáreas. “Se non hai brigadas non se crea emprego, non se roza e o Concello perde outra subvención da Xunta”, indica a portavoz.

A roza das marxes das estradas municipais comezou en Láncara a finais de xullo: “e estamos en decembro e non se limparon as vías en todas as parroquias nin todos os camiños nas parroquias onde actuaron”.

NOVO VEHÍCULO MUNICIPAL

No ano 2018, e a través de fondos propios, o Concello adquire un vehículo para acceder ás zonas de montaña, sobre todo no inverno. Á vista de que é o coche que emprega o alcalde as 24 horas do día os 7 días á semana -incluído o uso privado- e de que agora anuncian a adquisición doutro vehículo a través dun convenio coa Deputación de Lugo que xustifica dicindo que tamén é para acceder a zonas de montaña; os populares pregúntanse se é que o alcalde quere cambiar de coche.

POLIDEPORTIVO

En relación á mellora do polideportivo, a popular lembra que “o goberno local socialista non solicitou a axuda á Xunta no ano 2023”. Así, os baños permanecen pechados porque os azulexos están caendo e, incluso, nos vestiarios están suxeitos con celo, “co perigo que iso supón para os usuarios: tanto nenos coma adultos”.

“Tamén chove no polideportivo e as luces non funcionan”, advirte a popular. É que a pesar do anuncio neste ano 2024 dun acordo coa área de Deportes da Deputación que xestiona o BNG, a súa mellora segue pendente.