Partido Popular de Lugo

O Goberno de Sánchez confirma nunha resposta ao PP que Lugo queda fóra do Corredor Atlántico de Mercadorías, como mínimo, ata o 2033

Lugo, 29 de novembro de 2024.- Os senadores do PP lucense advirten que “Lugo queda fóra do Corredor Atlántico de Mercadorías, como mínimo, outros 9 anos máis porque a próxima revisión da configuración dos Corredores non está prevista ata o ano 2033”.

O propio Goberno de España o confirma por escrito ante preguntas oficiais dos representantes do PP lucense no Senado: José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano.

Os senadores populares defenden a inclusión de Lugo nesta infraestrutura de carácter estratéxico que constitúe un dos corredores que forman a Rede Transeuropea de Transporte.

“Lugo non pode quedar á marxe desta importante rede que conecta o noroeste europeo”, segundo reivindican. Ademais, defenden que “Lugo é entrada e saída natural dende os portos da Coruña con Castela e León pasando por Monforte de Lemos”.

Os populares lembran que “o Corredor Atlántico de Mercadorías tampouco accederá, por segundo ano consecutivo, aos fondos europeos” e sinalan que “é unha pésima noticia para o avance das actuacións que inclúen a modernización da liña”.

Os senadores do PP lucense inciden en que “Lugo é tamén a única provincia e a única capital de provincia que queda fóra do AVE”. Polo tanto, reivindican “nin no ámbito do transporte de mercadorias, ni no de viaxeiros o Goberno Sánchez é capaz de tratar a veciños e empresas da nosa provincia en condicións de igualdade con outros territorios”.