Partido Popular de Lugo

O PP pide a PSOE e BNG que recapaciten e “inicien con urxencia” o mantemento da rede viaria provincial

Xoves, 28 de novembro de 2024. No pleno do pasado martes, tanto PSOE como BNG votaron en contra dunha moción do Grupo Provincial Popular na que se reclamaba o arranxo das estradas provincias na zona sur da provincia, un voto en contra que xustificaron en que “xa facían o suficiente no referente ao mantemento da rede viaria provincial”.

En realidade, este voto en contra evidencia “a nula sensibilidade e subxectividade” do goberno de José Tomé que “da un trato diferente aos veciños da provincia, en función da cor política do alcalde que goberne cada concello”, polo que “pedimos a PSOE e BNG que recapaciten e teñan en conta as reclamacións da veciñanza, xa que a necesidade de mellorar o estado das carreteras é a principal reivindicación dos veciños de 66 dos 67 municipios lucenses”.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, pon de exemplo as estradas de Bóveda, un concello dirixido por un alcalde do Partido Popular, José Manuel Arias, unhas vías provincias “perigosas e que teñen que sufrir todos os veciños a diario”.

Un exemplo do calamitoso estado destas estradas é a LU-P-0910 que “cunha simple ollada” evidencia a necesidade urxente que ten de realizar tarefas de mantemento. “Hai puntos nos que non hai máis dun metro de asfalto de ancho”, denunciou.

Antonio Ameijide critica “a nula sensibilidade” de PSOE e BNG á fronte da Deputación “cuxa única preocupación é dar fondos ilimitados aos seus alcaldes afíns, sen preocuparse por máis da metade dos veciños da provincia”.

Neste senso, Ameijide recorda “a diferenciación” que realizaron no pleno do martes dende o goberno provincial, cando aseguraron que “na provincia había veciños en xeral e logo veciños do PP”. “Entrar neste sectarismo é moi perigoso e evidencia que estamos ante un goberno provincial vingativo xa que se os veciños votan o que non lle gusta a PSOE e BNG os castigarán e non atenderán nin unha soa reclamación”.

Tras este voto en contra, Antonio Ameijide criticou “a nula coherencia” de socialistas e nacionalistas xa que “mentres os concelleiros do PSOE e do BNG votan nos seus concellos a favor de que se arranxen as estradas da Deputación, no goberno provincial desoen aos seus propios compañeiros de partido e votan en contra desta necesidade”.

Antonio Ameijide puxo de “exemplo negativo” ao vicepresidente provincial. “Cando Efrén Castro colle a acta de concelleiro en Sarria é moi reivindicativo e reclama á Deputación o arranxo das estradas provinciais pero, cando pisa a moqueta da Deputación cámbialle o pensamento e afirma que xa non é necesario e vota en contra desta reclamación”.

Pola súa banda, o alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, lamenta “o sectarismo” do goberno provincial. “A realidade non é que castiguen ao alcalde de Bóveda, o que están a facer o PSOE e o BNG dende o goberno da Deputación é maltratar e poñer en perigo a todos os veciños de Bóveda”, denunciou.