Partido Popular de Lugo

O PP de Sarria urxe ao alcalde a “poñerse a traballar” no plan de viabilidade que lle solicitou a Xunta para determinar as necesidades do servizo

Sarria, 26 de novembro de 2024. O Partido Popular de Sarria pedirá no próximo pleno que o goberno municipal poña negro sobre branco en relación á contabilidade do matadoiro e urxe ao alcalde a poñerse a traballar e concretar dunha vez por todas ese plan viable e a memoria que lle solicitou a Xunta de Galicia para poder determinar as necesidades que garantan a continuidade do servizo.


A portavoz, Carmen José López, explica que “Camiña Sarria xa non ten escusas para non manter o matadoiro aberto, o que ten é todas as mans tendidas e portas abertas. O que non parece ter o goberno de Claudio Garrido é proxecto”.


A popular insiste en que “urxe determinar e cuantificar o déficit do que fala e aclarar que parte do déficit se debe ás cantidades deixadas de cobrar e ao posible desfalco que se atopa xudicializado”.

Os populares sinalan que “a preocupación pola situación do matadoiro é evidente” á vista da mobilización de centos de veciños e veciñas que reivindicaron a apertura inmediata do matadoiro municipal.

Antes xa da mobilización dos veciños e veciñas, a Xunta de Galicia ten amosado a súa predisposición a apoiar o servizo: “a propia conselleira de Medio Rural foi a primeira en mostrar o seu apoio para o que solicitou do Concello unha memoria económica, acompañada dun proxecto serio e viable para explorar vías de colaboración, se ben recentemente manifestou non ter recibido ata o momento ningún tipo de proposta por parte do goberno local”.

PROPOSTA DE ACORDOS

Ante o anuncio do goberno local de que a apertura é de carácter provisional e que o goberno só está integrado por 7 dos 17 concelleiros, os populares defenden que “a decisión sobre a duración e permanencia do servizo debe ser igualmente sometida ao Pleno do Concello, non sendo asumible nin procedente que a decisión sobre o peche se adopte exclusivamente por un goberno en minoría”. Polo tanto, o Grupo Municipal Popular propón “someter ao pleno o mantemento da actividade do servizo de matadoiro con carácter permanente”.

Así mesmo, a iniciativa do Partido Popular tamén propón acordar:

– Que o goberno municipal dea conta do estado actualizado da contabilidade do matadoiro, toda vez que ata o de agora unicamente se facilitou á Corporación un listado de ingresos e gastos pero non unha contabilidade completa e rigorosa, que deberá incluír todos os conceptos, así como ter en conta, tamén, os ingresos deixados de percibir, de cara a permitir determinar o déficit real do servizo ao que o alcalde veu facendo alusión.

– Solicitar un informe actualizado aos servizos de Tesourería e Intervención sobre a situación económica do matadoiro municipal no que se faga referencia ao posible déficit tendo en conta a incidencia no mesmo das cantidades deixadas de percibir nos últimos anos como consecuencia das irregularidades detectadas na recadación das taxas.

– Que o goberno municipal dea conta das supostas xestións que estaría levando a cabo de forma unilateral, sen acordo plenario e, supostamente, sen

dar cumprimento ás esixencias previstas no artigo 115 da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, que regula as posibles “consultas

preliminares do mercado”.

– Urxir ao goberno municipal á elaboración do plan de viabilidade e a memoria das inversións necesarias con estimación do seu custo e prazos de amortización.