Sábado, 23 de novembro de 2024. Os deputados do Grupo Provincial Popular Antonio Ameijide e Jesús Núñez, xunto ao voceiro do PP en Becerreá, Xosé Fernández Carrete, e concelleiros do PP no municipio revisaron a estrada provincial LU-P-0701 que coas obras de renovación da autovía A6 “asume agora todo o tráfico procedente da costa e do occidente asturiano e non está preparada para tal volume de circulación”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que “puidemos comprobar como esta estrada provincial asume agora todo o tráfico que se desvía por mor das obras da autovía e non ten capacidade para asumir tal volume de circulación xa que se discorre por varios núcleos de poboación e o perigo é real”.
Coas obras de renovación da A6, a estrada LU-P-0701 asume moito tráfico xa que como consecuencia destas obras todos os vehículos teñen que empregar esta estrada para chegar a Becerreá e logo poder incorporarse a autovía.
Ameijide sinala que dende a Deputación de Lugo tiñan que terse coordinado co Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible para garantir un desvío alternativo “apto para asumir todo este tráfico”. “Menos mal que ambas administracións están gobernadas pola mesma cor política e o Ministerio de Transportes polo ministro ao que premiaron en Lugo, de non ser así non queremos imaxinar a que nivel de caos circulatorio se tería chegado nesta estrada”, afirmou.
Dende o Grupo Provincial Popular reclaman unha mellora na sinalización, tanto vertical como horizontal, para mellorar a seguridade, xa que hai moitos puntos con pouca visibilidade pola maleza e pola existencia de curvas pechadas. “Xa se produciron varios accidentes e a diario pode verse como hai moitos camións que teñen serias dificultades para poder circular”, sinalaron.
Tamén sería preciso habilitar cunetas rebasables en varios puntos para evitar que os condutores corran riscos xa que hai varias zonas nas que as cunetas son profundas.