Partido Popular de Lugo

Os deputados do PP lucense, preocupados polas condicións da vía entre Ourense e Monforte, esixen ao Goberno de Sánchez “garantir a seguridade” de cara á súa apertura parcial

Lugo, 21 de novembro de 2024. Os deputados do PP lucense amosan a súa preocupación ante os problemas detectados durante as probas para a apertura parcial da vía entre Ourense e Monforte de Lemos, anunciada para o vindeiro 26 deste mes e só para o Alvia que conecta Galicia con Barcelona. Así mesmo, inciden na “falta de planificación e xestión do Goberno de Pedro Sánchez”, segundo manifesta o deputado monfortino Francisco Conde, á vista do illamento de catro vivendas en Pantón que quedaron sen o seu acceso principal polas obras da vía ou dos problemas na sinalización eléctrica, as unións sen soldar ou os incidentes coa catenaria que “evidencian a situación de total provisionalidade”.

Os populares esixen ao Goberno de España a que “garanta unhas comunicacións ferroviarias seguras para os usuarios e traballadores” de cara á reapertura da vía, aínda que sexa parcial, ante os “importantes incidentes rexistrados durante as probas”.

A vía permanece pechada dende fai 2 anos cando o prazo previsto polo Goberno para o remate das obras era de 8 meses; pero, ademais, “o propio Ministro recoñeceu que non prevé a recuperación do servizo da liña entre Ourense e Lugo ata finais do 2026”.

Unha situación que está penalizando a conectividade da provincia coa Meseta afectando aos usuarios e a competitividade das nosas empresas e do sector do turismo, que non poden competir en igualdade de condicións que outros territorios.

Conde incide en que “a acumulación de atrasos e a falta de investimentos” lastran a actividade económica da nosa provincia toda vez que “sufrimos a desconexión en infraestruturas de comunicación. Neste caso, en materia ferroviaria e, concretamente, no que se refire á alta velocidade”.

De feito, “mentres que o Ministro anuncia trens a 200km/h para conectar Lugo coa alta velocidade en Ourense sen concretar ningún tipo de prazo, os técnicos advirten que coas obras actuais de modernización da liña -que o propio Ministro non prevé rematar ata finais de 2026- a redución do tempo da viaxe será pouco significativa”, recordan os populares.

A ALTA VELOCIDADE, UNHA PRIORIDADE

Para o Partido Popular “a conexión da provincia de Lugo coa Alta Velocidade segue sendo una prioridade e seguiremos traballando desde todas as institucións para que o Goberno cumpra cos seus compromisos e lle dea continuidade aos investimentos necesarios para garantir o seu desenvolvemento”.

O deputado do PP lucense cre que “a nosa provincia merece un transporte ferroviario das necesidades dos lucenses e acorde á demanda dunha sociedade do século XXI”. Así mesmo, lembra os proxectos presentados polo Goberno do Partido Popular para a construción de variantes ferroviarias -Os Peares-Canabal e Rubián- que posibilitarían que os trens circularan a alta velocidade pola provincia, así como a eliminación de todos os pasos a nivel entre Lugo e Ourense, e a electrificación de toda a vía.

“O Ministro dixo que non renunciaba, pero tampouco dixo que tivese previsto recuperar estes proxectos”. Lamentablemente, “durante os últimos 6 anos, o Goberno está acostumado a dicir unha cousa e a súa contraria, pero a realidade é que o Goberno ten bloqueado o proxecto do AVE a Lugo”, matiza Conde.