Sarria, 19 de novembro de 2024. O Partido Popular de Sarria sinala que a apertura inminente do matadoiro municipal anunciada polo alcalde como “un éxito da mobilización e a presión colectiva” e esixen ao goberno de Camiña Sarria que a prestación do servizo sexa permanente “non unha solución temporal como defende Claudio Garrido”.
“A mobilización do pasado xoves demostra a importancia que ten este servizo para o sector e para veciños e veciñas en xeral. A esixencia conxunta non pode ter volta a atrás”, dixo a portavoz, Carmen José López. Nese sentido, “seguiremos esixindo as veces que faga falta para que se garanta o seu funcionamento”.
A popular recorda que “a Xunta foi a primeira administración en mostrar o seu apoio a este servizo e en adiantar a súa predisposición a explorar as solucións, ao tempo que esixiu ao alcalde un plan viable e a regularización da situación e a xestión do servizo”. Nese sentido, a Consellería de Medio Rural solicitou unha memoria económica, acompañada dun proxecto serio e viable para explorar vías de colaboración, “pero aínda non recibiu ningún tipo de proposta por parte do Concello. A pelota está no tellado do goberno local”, incide Carmen José López.
XESTIÓN MUNICIPAL INEXISTENTE
A popular lembra que “o servizo do matadoiro municipal rexistra un burato nas súas contas que é unha evidencia de que a xestión e o control era nefasto”. E “despois de ver a absoluta falta de preocupación de Camiña Sarria polo servizo e polo seu funcionamento, é máis que evidente que a situación actual de déficit é unha consecuencia directa do descontrol na xestión por parte do goberno local”, engade. López subliña que “á inexistente xestión hai que engadir que faltan cartos. Así é imposible que funcione ningún servizo”.
Os populares defenden que “agora é o momento de esixir que se garanta a continuidade do servizo do matadoiro municipal”. Nese sentido, “a Xunta xa anunciou a súa dispoñibilidade para buscar solucións. Haberá tempo despois para depurar as responsabilidades que motivaron esta crise do servizo e o descoido nas súas instalacións”.