Lugo, 14 de novembro de 2024. Os senadores do PP lucense – José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- agardan que “o prazo para a apertura do viaduto do Castro na A-6 previsto polo Goberno de Pedro Sánchez para finais deste ano 2024 sexa o definitivo”; especialmente “despois de dar previamente outros tres prazos e incumprilos todos”.
A autovía A-6 leva preto de 4 anos en obras no tramo entre Pedrafita do Cebreiro e Vega de Valcarce: 1 ano para acometer obras de emerxencia no viaduto do Castro nas que se investiron 26M€ e máis de 2 anos e medio desde que colapsou a ponte cando se ía reabrir á circulación. Na actualidade, dos 5 carrís da autovía nesa zona, só se pode circular por un en sentido Madrid.
Os senadores insisten en pedir explicacións ao Executivo tras recibir a resposta ás preguntas formuladas de forma oficial polos representantes do PP lucense no Senado nas que “o Goberno de Sánchez evitou contestar sobre a dispoñibilidade do informe e as conclusións de porqué colapsou a ponte despois de facer unha obra de emerxencia e gastar 26M€, cando a ponte nova costa agora 40M€”.
FALTA DE RESPOSTAS
O Goberno de Sánchez non aclarou as razóns que o levaron a incumprir, un tras outro, os prazos que ofrecera o Ministerio sobre a reapertura completa á circulación do viaduto do Castro.
Tampouco contestou ás preguntas dos senadores lucenses sobre a súa previsión para “dar algunha compensación aos usuarios da A-6, en especial aos condutores profesionais e transportistas, pola demora na recuperación desta infraestrutura”.
O senador lucense José Manuel Balseiro tamén afea que “o Goberno de Sánchez nos enganou cando dixo que ía reconstruír as dúas pontes de forma simultánea”, que é o que se fai en calquera grande infraestrutura co dobre obxectivo de aforrar custes e prazos, porque “non o fixo”.