O goberno provincial de PSOE e BNG segue a desatender a súa obriga de manter en bo estado de conservación a rede viaria provincial, sendo un novo exemplo deste abandono a estradas da Deputación ao seu paso por Guntín.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, xunto ao alcalde da localidade, Ángel Pérez, revisaron o estado de varias destas estradas e comprobaron como son “perigosas para os condutores ao levar anos sen realizarse nin o máis mínimo mantemento”.
Varios exemplos deste abandono son as estradas LU-P-2405, a LU-P-2408 e a LU-P1611 (cinto comarcal).
No caso da LU-P-2408, que vai de Costañeira a Montecelo, pasando por Vilarcabreiro, comprobaron a urxencia de actuar nesta vía dado o seu nefasto estado de conservación, sendo o seu punto máis perigoso unha ponte en curva na que é imposible que se crucen dous vehículos ao mesmo tempo e que, na súa zona interior, está afundida dende hai un ano e con serio risco de caerse. “Vemos como o perigo nesta vía é moi evidente, podendo caer os condutores ao regato que pasa por debaixo”, sinalou.
Antonio Ameijide tamén pon sobre a mesa o nefasto estado de conservación desta vía, completamente chea de fochancas e que directamente perdeu gran parte do firme en moitos dos seus puntos. “Hai zonas nas que é imposible circular con seguridade xa que non hai nin un metro de ancho de asfalto”, denunciou.
Pola súa banda, o alcalde de Guntín, Ángel Pérez, reclamou o arranxo desta e outras vías, xa que o que están a provocar dende a Deputación de Lugo é que “como os camións que dan servizo ás ganderías non poden circular con seguridade, opten por acceder dende outras estradas, na súa maior parte municipais, danándoas tamén”. Unha reflexión que acompaña de que “tanto PSOE como BNG deberían de ter en conta esta circunstancia xa que eles contan con máis recursos, económicos e técnicos para arranxar as estradas, mentres que os concellos temos que facer esforzos enormes para manter en bo estado a rede viaria municipal”.
Por outra banda, a falta de mantemento na estrada LU-P-2405, de Guntín a As Pardellas, está en mal estado debido a que non se renovou o firme nin se limparon as cunetas durante anos. “As cunetas son inexistentes polo que a auga corre pola estrada, dando o firme”, explicou Ameijide, que engadiu que “cun traballo tan sinxelo como limpar as cunetas a auga no danaría as estradas e o firme estaría en bo estado durante máis anos”.
Por último, tamén comprobaron o estado de conservación do cinto comarcal, LU-P-1611, ao seu paso por Guntín e viron como “urxe a renovación da sinalización”. A sinalización horizontal é inexistente, polo que urxe o repintado, así como a renovación das sinais verticais xa que a maioría están danadas ou directamente non indican nada xa que non se ve o seu contido.