Partido Popular de Lugo

O PP de Viveiro destaca a axuda da Xunta de máis de 16.000 euros para a Praza de Abastos e pídelle ao bipartito “sacar a licitación os postos baleiros”

Viveiro, 13 de novembro de 2024. O PP agarda que “o goberno local de Viveiro aproveite a axuda da Xunta de Galicia de máis de 16.000 euros concedida ao Concello -como publicado o DOG este luns 11 de novembro- para diagnosticar a situación da Praza de Abastos” porque “é absolutamente necesario reactivar este espazo dinamizador da economía local”, segundo manifesta a portavoz, Mariña Gueimunde.

Os populares explican que “a Xunta achega o seu apoio, pero iso non pode eximir ao goberno local de atender ás súas competencias”. Nese sentido, reclaman que “demostre a súa implicación real” na recuperación da Praza de Abastos con partidas no orzamento municipal do vindeiro ano e “ofrecendo ás persoas interesadas a posibilidade de acceder aos postos baleiros”. Gueimunde afea que “mentres a xente pregunta por eses postos, o goberno local non faga nada: deixa pasar o tempo mentres a praza se vai baleirando”.

Os concelleiros do PP xa teñen preguntado ao goberno bipartito polos pregos para a licitación dos postos vacantes na Praza de Abastos “sen lograr o compromiso concreto do goberno local”. A este respecto, a portavoz engade que “non podemos agardar a unha rehabilitación que non temos garantido que vaia chegar a corto prazo”.

O Grupo Municipal Popular leva dende o inicio do mandato preocupándose -de forma oficial no Pleno a través de iniciativas e preguntas ao goberno bipartito- polo seu impulso e posta en valor ante “a constante perda de praceiros”.

O PP lograra aprobar por unanimidade no pleno de setembro de 2023 unha iniciativa para instar ao equipo de goberno a solicitar a liña de axudas da Xunta para o impulso da Rede de Mercado Excelentes de Galicia e para a dinamización e revitalización das prazas de abastos que favorece “a adecuación e a mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais”.

Gueimunde incide en que “xa pediramos que o goberno bipartito demostrara o seu compromiso con fondos propios, reservando partidas orzamentarias nos presupostos municipais do 2024 para o mantemento e mellora de servizos básicos en tanto non se executa un proxecto máis ambicioso. Lamentablemente, isto non foi así. A realidade económica do Concello lastra o investimento municipal”.

APOSTA POLA PRAZA DE ABASTOS

A popular cre que “debemos apostar pola Praza de Abastos” e defende que “é un dos espazos máis importantes, tradicionais, populares e incluso turísticos do noso concello”; ademais subliña “a súa situación estratéxica e o seu valor como escaparate do produto local de calidade vencellado á sustentabilidade, á protección do medio ambiente e ao compromiso coa sociedade”.

“A Praza de Abastos de Viveiro necesita reformar e adaptar o seu espazo, mellorar as condicións de estética e salubridade e modernizar as instalacións para lograr que sexa funcional para o seu uso e atractivo para adxudicatarios e visitantes”, conclúen dende o PP.