Sarria, 13 de novembro de 2024. O PP de Sarria advirte que “ante a presión veciñal polo peche do matadoiro municipal, Claudio Garrido minte”.
A portavoz popular, Carmen José López, explica que “o outro día el mesmo recoñeceu no Pleno diante de parte do sector afectado que só había dúas opcións: privatizalo ou pechalo definitivamente”. E, incluso, “advertiu que non ía abrilo a pesar de que xa ten reparada a avaría da caldeira”.
“O que lle estamos pedindo -e non só o Partido Popular- senón toda a oposición e o propio sector é claro: que abra o matadoiro de forma inmediata”, explica. López cre que “manter o matadoiro pechado nesta época unicamente por capricho non pode senón entenderse como unha medida de presión para impor o seu criterio sobre a xestión do matadoiro”.
Dende o PP de Sarria sinalan que “nos preocupa que a intención real detrás da privatización defendida polo alcalde sexa que o posterior peche o asuma a empresa e evitar a responsabilidade política de acabar con este servizo”.
A portavoz lembra que “desfacerse do matadoiro é a intención que xa deixou clara o alcalde dende o principio do mandato, pero agora mesmo non se trata de plantexar o modelo de xestión nin desviar a atención, o que lle pedimos é que non o manteña nin un día máis pechado sen motivo”.
López engade que “Está claro que ao alcalde o asunto do matadoiro non lle resulta cómodo por todo o que ten que ocultar do posible desfalco e das responsabilidades na xestión, pero pedímoslle que sexa serio e non minta máis aos veciños”.
O Partido Popular de Sarria xa amosou o seu apoio ao sector, mantivo reunións cos afectados e avanza que “apoiaremos as súas reivindicacións”.