Burela, 12 de novembro de 2024. O PP de Burela xa advertira, cando se abordara a mediados de ano o orzamento municipal, que “non se podía levar a cabo o que propoñía a señora López Moreno coa pretendida paga de produtividade porque era ilegal. E o tempo, unha vez máis, deunos a razón”.
Os cartos que lles dixo aos traballadores do Concello que ían ir destinados a ese suplemento salarial non se poden repartir. “E agora faise a sorprendida, a pesar de que os concelleiros do Grupo Municipal Popular xa advertiramos diso publicamente”, lembra o portavoz, Manuel Rouco.
“Xa lle dixemos, no seu día, tanto tempo preparando uns orzamentos para comprobar que estaban mal planificados porque non se poden executar segundo o que pretende a alcaldesa”, engaden.
Sobre a “man tendida” da rexedora socialista, os populares advirten que “dende a oposición xa comprobamos que esas palabras non auguran nada bo pola súa parte. Son palabras baleiras que non reflicten as súas intencións”.
NEGOCIACIÓNS DA RPT
Rouco corrixe á alcaldesa cando asegura que están no tramo final das negociacións da Relación de Postos de Traballo (RPT): “nin tan sequera hai un organigrama claro para a mesma. Algo que é a base fundamental dunha RPT”.
Os populares pregúntanse “para que serviron os miles de euros gastados polo Concello nunha consultora externa para a execución da RPT cando nin sequera existe un organigrama claro”. Nese sentido, condena que “esta sexa a forma de manexar o diñeiro de tódolos veciños e veciñas da Burela”.
Ademais, o popular afea que “a señora López Moreno pida responsabilidade aos representantes dos traballadores” sinalando que “a alcaldesa debería ser a primeira en dar exemplo non prometendo cousas aos traballadores que sabe que non pode cumprir. E se non o sabe, tamén é unha irresponsabilidade por non terse informado; especialmente cando xa fora advertida pola nosa formación”, segundo subliña o portavoz do PP.
Por último, Rouco lembra á rexedora que “os traballadores están perfectamente e puntualmente informados polos seus representantes”. Polo tanto, “non precisan de misivas da alcaldesa que nada aclaran e nas que intenta emendar a plana aos representantes sindicais elixidos democraticamente polos propios traballadores do Concello”.
“Pode que haxa traballadores aos que lles sorprenda o proceder da señora López Moreno, pero aos concelleiros do Partido Popular non porque levamos denunciando o estilo de goberno dende que tomou posesión e que padecemos tódolos veciños e veciñas. Co paso do tempo todos empezan a ver o que xa advertimos no seu momento: que á señora López Moreno lle queda moi grande o seu cargo”, conclúe.