Partido Popular de Lugo

O PP condena que PSOE, Vilalba Aberta e BNG avalen un informe externo para a contratación da recollida do lixo “facendo caso omiso aos funcionarios públicos”

Vilalba, 12 de novembro de 2024. Os concelleiros do PP non apoiaron a proposta do goberno local para “contratar un informe a unha empresa privada para resolver a adxudicación do contrato do servizo de recollida do lixo do Concello de Vilalba, en lugar de ser resolto por técnicos e funcionarios públicos”. A proposta saíu aprobada cos votos a favor de PSOE, Vilalba Aberta e BNG.

“A nosa postura é perfectamente entendible” toda vez que “os propios funcionarios poñen en dúbida no seu informe a obxectividade e imparcialidade da valoración dunha entidade privada. Os propios funcionarios preferiron apartarse e a alcaldesa pásalle a bóla ao Pleno da Corporación”, critican.

Os populares explican que “xa non nos convencía o procedemento dende un comezo: é pouco habitual que a unha licitación tan importante só se presenten dúas empresas rexeitando participar, incluso, a que está a prestar actualmente o servizo”. No momento da súa valoración, os funcionarios alegan que non dispoñen de técnicos especializados na materia para emitir unha correcta valoración.

Dende o PP local explican que, nese momento, “o goberno bipartito debería solicitar asistencia técnica á Deputación de Lugo -que entre as súas funcións principais ten a de cooperar cos Concellos-, tal e como lle recomendaban os funcionarios municipais; pero preferiu contratar a dedo outra empresa externa para valorar as ofertas das empresas que se presentaron á licitación para a recollida do lixo”.

Así, polo tanto, “o goberno de Vilalba fai caso omiso ás recomendacións dos traballadores públicos e gasta 17.545 euros dos veciños e veciñas na contratación desta empresa por non solicitar nun primeiro momento a colaboración da Deputación de Lugo”.

Co informe privado na man, os funcionarios non poñen en dúbida a competencia técnica; pero sinalan que “carece das notas de obxectividade e imparcialidade propias dos representantes das Administracións polo que se negan a facelo seu e propoñen requirir asistencia dunha entidade pública con medios humanos adecuados”.

Finalmente o goberno vilalbés solicita apoio á Deputación de Lugo, pero négase alegando que non dispón de persoal técnico cualificado. Nese caso, os concelleiros do Partido Popular propuxeron no Pleno que o Concello busque a colaboración doutra entidade pública como, por exemplo, dalgún Concello que dispoña de técnicos especializados na materia.

TOMÉ NÉGASE A COLABORAR CO CONCELLO DE VILALBA

“É curioso que un goberno da súa mesma cor política se negue a colaborar co Concello de Vilalba cando si está a colaborar con outros Concellos”, segundo critican dende o PP local.

O portavoz do PP na Deputación, Antonio Ameijide, explica que “no caso de que non dispuxera de persoal, a entidade provincial pode establecer mecanismos de colaboración con outras entidades públicas para poñer a disposición do Concello de Vilalba técnicos especializados”.

De feito, “iso mesmo foi o que fixo para instruír un expediente sobre a Policía Local de Viveiro: buscar a colaboración cunha entidade pública como é o Concello de Lugo para habilitar un técnico que, trala sinatura dun convenio específico, desenvolvera eses labores no Concello de Viveiro”, engade.

Ameijide condena que “Tomé desatenda unha das funcións propias da Deputación Provincial como é a cooperación cos Concellos”. O popular advirte de que “é chamativo que non colabore cun Concello gobernado polo PSOE” e, polo tanto, pregunta polos motivos para “querer escapar deste procedemento”.