Ribas de Sil, 11 de novembro de 2024. O Partido Popular de Ribas de Sil móstrase crítico co alcalde ao levar desde o pasado 1 de xuño, fai máis de 5 de meses, sen convocar ningún Pleno. A Lei Reguladora das Bases do Réxime Local establece, no seu artigo 46.1, que o Pleno celebra sesión ordinaria como mínimo cada tres meses nos Concellos de ata 5.000 habitantes.
Ademais, ao comezo da actual lexislatura todos os grupos políticos con representación na Corporación municipal acordaron que as sesións plenarias de carácter ordinario se celebrarían cunha periodicidade de dous meses.
“Polo tanto, o alcalde está a incumprir, por un lado, a lexislación vixente e, por outro lado, os seus propios acordos de celebrar os Plenos cada dous meses o cal é unha falta de respecto non só aos concelleiros da oposición senón, sobre todo, a todos aos veciños e veciñas de Ribas de Sil”, sinala a voceiro do PP, Sandra Macía.
“Con isto o goberno socialista está a vulnerar o noso dereito de participación política, a nosa función de oposición impedindo que fagamos propostas e fiscalizar a súa acción de goberno, e demostra a súa falta de transparencia e de ganas de traballar a prol dos ribasilenses”, continúa a popular.
Así, o Partido Popular de Ribas de Sil solicita ao rexedor socialista que convoque, á maior brevidade posible, o seguinte Pleno ordinario e que respecto tanto a lei como a periodicidade acordada das súas celebracións.