Sarria, 8 de novembro de 2024. Os senadores do PP por Lugo -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- levan á Cámara Alta as queixas dos veciños de Sarria ante o mal estado e progresivo deterioro das pistas e camiños como consecuencia do paso de maquinaria pesada das empresas que realizan as obras de renovación e electrificación da vía do tren ao seu paso polo municipio.
Os representantes do PP no Senado puideron comprobar o estado das pistas nas inmediacións da estación de Oural xunto á portavoz, Carmen José López, e concelleiros do PP de Sarria. Así mesmo, advirten dos danos na ponte do Mazadoiro que, “a pesar de ser reformada recentemente xa presenta un evidente deterioro e, principalmente, un firme non homoxéneo que se encharca facilmente”.
Os populares entenden que “calquera obra leva aparelladas incomodidades e certo grao de danos polo paso da maquinaria pesada e a propia dinámica dos traballos executados, pero tamén é certo que este tipo de actuacións deben levar aparellado un plan de continxencia que reduza ao mínimo posible este tipo de incidencias e que contemple o orzamento necesario para levar a cabo as actuacións de reposición das pistas, terreos e espazos ao seu estado anterior”.
Nese sentido, os senadores do PP lucense diríxense ao Executivo para que explique aos veciños e veciñas se está a levar a cabo un rexistro de danos e instan ao Executivo a mellorar o firme das estradas, camiños e pistas afectadas polas obras na liña ferroviaria incluída a ponte do Mazadoiro e o entorno da estación de Oural. Tamén piden planificar, presupostar e executar as accións para reparar e repoñer os espazos afectados e para “minimizar os prexuízo na zona durante a execución das obras”.