Partido Popular de Lugo

O PP de Samos advirte que “o BNG no goberno hipoteca o Concello e sobe impostos aos veciños”

Samos, 8 de novembro de 2024. O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, denuncia que “o BNG hipoteca o Concello e sobe impostos aos veciños”.

O popular advirte que “a alcaldesa nacionalista convocou un pleno extraordinario para aprobar a suba de impostos que nos negara directamente no pleno anterior cando lle preguntamos por ese asunto. Esta é a fiabilidade desta alcaldesa: hoxe di unha cousa e mañá fai outra”.

Gallego explica que “o recibo da recollida do lixo subirá un 16%, pero non atopamos ningún tipo de mellora na súa recollida. Ben ao contrario: contedores a reverter como se ve nas aldeas, sucios e nin hai recollida de voluminosos como prometeron porta a porta, nin nada de nada. Iso si, o recibo vaise subir sen ter en conta que esta ordenanza se vai aplicar sobre un contrato que se atopa caducado dende hai máis dun ano”.

A este respecto, “o Grupo Municipal Popular xa pediu un informe á secretaría do Concello para determinar se isto é legal ou se están saltando as leis. Hai que ter en conta que este contrato tampouco cumpre a nova normativa de reciclaxe que impón o Goberno central que o propio BNG apoia”.

O portavoz popular explica que “outros Concellos asócianse entre varios co obxectivo de reducir o prezo do servizo da recollida do lixo, mentres tanto en Samos vaise por libre: sóbense os impostos e gastase o diñeiro sin ton nin son”.

FALTA DE TRANSPARENCIA

Os populares denuncian unha vez máis que “esta alcaldesa volve facer outra modificación de crédito”. Nesta ocasión por valor de 108.000€, “o que nos parece esaxerado porque en ano e medio levan xa gastado case medio millón de euros sen sabermos en que se invisten”. É que “levamos dende o mes de decembro de 2023 sen recibir a documentación á que temos dereito. Non sabemos se é porque teñen moito que ocultar ou porque queren poñernos trabas para que non fiscalicemos a súa acción de goberno” porque “xa advertimos que calquera irregularidade que detectemos as denunciaremos”.