Partido Popular de Lugo

O Grupo Popular “satisfeito de ver” como funcionan actualmente en Portugal industrias semellantes ás que Altri plantexa para Palas de Rei

Venres, 8 de novembro de 2024. Deputados do Grupo Provincial Popular, así como do Grupo Socialista e representantes do tecido empresarial e asociativo de Lugo, aceptaron a invitación de Altri para coñecer as instalacións que a empresa ten en Portugal e o seu modelo industrial, así como a integración coa sociedade e o entorno natural no país veciño.

Durante a visita “puidemos coñecer todo o proceso produtivo, dende a plantación das árbores ata a obtención do produto final”.

Nos viveiros comprobaron como “coidan ao máximo as condicións nas que comezan a medrar as plantas” e o traballo que se realiza en investigación para a mellora das especies e que cando se transplanten ao entorno natural “sexan o suficientemente forte para resistir condicións adversas”.

Un coidado que se transmite non so nas propiedades xestionadas por Altri no entorno natural e nas que plantan estas árbores, senón que tamén colaboran directamente con pequenos e medianos propietarios particulares de montes no mantemento das plantacións para previr incendios forestais e para mellorar a produción. “O traballo que se realiza en materia de prevención de incendios en diversas frontes coidando as súas propiedades e tamén colaborando cos particulares no coidado das fincas sen ningún tipo de compromiso nin contraprestación a cambio”, explicaron.

PROCESO DE EXTRACCIÓN

Durante a visita tamén se coñeceu o funcionamento de dúas das industrias de Altri en Portugal, Biotech (Vila Velha de Rodao) e Celbi (Figueira da Foz).

Nestas dúas factorías observouse todo o proceso de extracción da celulosa do eucalipto para a súa posterior reconversión en pasta, un proceso no que puidemos comprobar o máximo respecto dende esta industria ao medio ambiente e os investimentos para minimizar as emisións e posibles impactos no entorno.

Tanto os deputados populares como os socialistas e os representantes do tecido asociativo e empresarial comprobaron como no proceso de extracción “hai unha ausencia total de malos olores, en contra do que se podería pensar”. “Un dos mellores exemplos de que coidan e respectan ao entorno é que conviven con industrias de todo tipo, como agrarias ou de produción alimentaria, chegando instalar colmeas dentro das propias fábricas e no entorno para mellorar o coidado do medio ambiente, chamando poderosamente a atención a ausencia de calquera tipo de olor na planta e no entorno”, explicaron.

DEPURACIÓN DA AUGA

Unha das preocupacións dos veciños e que se transmitiron durante a viaxe foi a captación e o tratamento das augas empregadas no proceso. Na visita mostróusenos o sistema de tratamento das augas instalado nas factorías, e indicouse que no proxecto para Palas de Rei contémplase un investimento duns 80M€ so para o tratamento das augas utilizadas no proceso industrial.

Amosouse o tratamento que se dá as augas que se empregan, como captan a auga do río, emprégana e, tras tratala, devolven case o 100% ao medio natural.

A proba máis evidente que a delegación da Deputación puido ver da calidade da auga que se devolve ao río é que se realiza nun punto no que hai un embarcadoiro, restaurantes, realízanse deportes acuáticos, hai unha praia fluvial e é un punto habilitado para a pesca e o baño.

Extremo confirmado polo alcalde socialista de Vila Velha de Rodao, Luis Miguel Ferro Pereira, que confirmou que coa chegada desta industria a súa localidade experimentaron un importante crecemento económico e turístico, así como que medrou a poboación que reside na localidade, chegando ao punto de que veciños que marcharan en busca de oportunidades laborais regresaron a súa localidade natal, multiplicando así as prazas de gardarías, escolas e para a actividade turística.