Os deputados do Grupo Provincial Popular esixen “unha reflexión” a PSOE e BNG despois de que o goberno provincial cualificase onte de “tontería” a moción do PP para pedir axudas e colaboración á Deputación, Xunta de Galicia e Goberno central para os afectados polo furacán Kirk.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, considera que tanto socialistas como nacionalistas deben de “reflexionar e, incluso, pedir desculpas aos afectados” xa que o sector agrogandeiro “é vital” para a economía da provincia. “Dicir que é unha ‘tontería’ e que a moción na que se pedían axudas para os afectados ‘non vale nin para envolver o papel do queixo’ non é digno de ningún político e menos dun goberno provincial, ademais dunha falta de respecto a gandeiros e agricultores desta provincia”, afirmou.
Ademais, Ameijide ve “cando menos curiosas” as escusas dadas polo goberno provincial para votar en contra desta petición de axudas a todas as administracións. “Din que non teñen competencias na materia, pero uns minutos antes aprobouse por unanimidade destinar 1M€ para un proxecto de desenvolvemento agrogandeiro co que, por suposto, tamén estamos de acordo”, explicou.
A moción dos populares pedía a colaboración da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e o Goberno central:
- A Deputación cunha liña extraordinaria de axudas directas
- A Xunta de Galicia aumentando os fondos para que os gandeiros e agricultores contraten seguros
- O Goberno central cooperando para paliar os danos sufridos