Ribeira Sacra, 25 de outubro de 2024.- As deputadas da zona sur da provincia de Lugo, Raquel Arias e Katy Varela, subliñan que “o Goberno galego ten moi en conta a candidatura da Ribeira Sacra a patrimonio mundial tamén nos orzamentos para o 2025”.
Tras analizar o proxecto presentado polo Executivo no Parlamento de Galicia, as deputadas de Sober e Monforte subliñaron que “está previsto un investimento de 500.00 euros para a cúpula do colexio do Cardenal de Monforte e 150.000 para a cuberta das Clarisas”. Ademais, a Xunta reserva unha partida de 1,4M€ para acometer obras na Ribeira Sacra.
Tamén vencelladas á paisaxe da Ribeira Sacra, a consellería de Medio Rural reserva 2M€ da liña de axudas ao sector vitivinícola para a conservación da contorna e a loita contra a erosión dos viñedos.
E “para mellorar a rendibilidade das explotacións da zona e contribuír a fixar poboación no rural”, a Xunta prevé un investimento de 600.000 euros para a mellora do regadío do Val de Lemos.
Para a restauración das áreas afectadas polo lume no Courel e pensando en acelerar o proceso de recuperación das zonas frondosas, o Goberno galego prevé destinar 250.000 euros.
A Xunta actuará sobre o saneamento e abastecemento de Pantón, continuará coas obras de restitución da estrada LU-651 en Folgoso do Courel e prevé construír a glorieta na LU-903 en Sober. “O Goberno galego mantén tamén o seu compromiso co acceso ao Porto Seco, que está á espera de informes de departamentos dependentes do Estado”, explican.
E en infraestruturas educativas, ten anunciado un investimento de 300.000 euros no CEIP Xoán de Requeixo (Chantada) para unha rehabilitación parcial.
SERVIZOS COMARCAIS
A cidade de Monforte de Lemos que, como capital da comarca, centraliza servizos aos veciños dos municipios da Ribeira Sacra coma o Xulgado que será sometido a obras para a mellora da eficiencia enerxética cun investimento de máis de 1,1M€.
A Xunta mantén o compromiso coa sanidade pública e a ampliación do Hospital comarcal cunha previsión de 1,5M€ para o 2025. E tamén prevé máis de 700.000 euros para adquirir ecógrafos para o centro hospitalaria e investimento para equipamento dos centros de primaria.
En materia de emprego, a Xunta renovará a oficina de emprego de Monforte, impulsará o Polo de Emprendemento de Monforte e investirá na UAF de Monforte de Lemos, de formación para o emprego.
MELLORA DE SERVIZOS PÚBLICOS
As deputadas populares subliñan “a estabilidade do Goberno galego que cumpre coa presentación dos Orzamentos coa previsión de dispoñer dunhas contas aprobadas para entrar en vigor o 1 de xaneiro do vindeiro ano”. Lembran que “mellora servizos controlando o gasto” e que, ademais, dirixe á provincia de Lugo o maior investimento por habitante nas provincias galegas.
Arias e Varela lembran que “aos investimentos previstos polo Goberno galego para o 2025 hai que sumar outras achegas a Concellos, sectores produtivos, distintos programas dirixidos a tódolos galegos e galegas e o mantemento dos servizos públicos en sanidade, servizos sociais e educación, entre outros”.