Partido Popular de Lugo

O PP solicitará un pleno extraordinario para esixir ao goberno de Camiña Sarria a reapertura do matadoiro municipal e dar explicacións “sen mentir”

Sarria, 18 de outubro de 2024. Os concelleiros do PP solicitarán un pleno extraordinario para esixir ao alcalde e ao equipo de goberno de Camiña Sarria a reapertura do servizo do matadoiro municipal e dar explicacións sobre a situación do matadoiro.

Así mesmo, a voceira popular, Carmen José López, esíxelle ao alcalde que “deixe de mentir” toda vez que “tiña dito que o servizo ía estar funcionando en outubro para a época das matanzas e agora, cando os usuarios contaban co servizo, di que non vai abrir o matadoiro”. E, ademais, o rexedor asegura que o resto dos grupos municipais tiña coñecemento desta decisión, pero “o certo é que, cando menos, o grupo popular non estaba enterado da decisión unilateral do goberno. Non nos dá a información e temos que enterarnos pola prensa a pesar de ter solicitadas explicacións e información ao respecto”.

Os populares consideran que “o primeiro que ten que facer o goberno local antes de abrir calquera tipo de debate é recuperar o servizo do matadoiro de forma urxente” para “garantir o servizo” e “non prexudicar aos usuarios”.

Por outra banda, acusan ao executivo local de “afundir un servizo que levaba décadas funcionando coa súa desastrosa xestión nestes últimos 5 anos nos que non acometeu ningún tipo de reforma para a mellora do matadoiro”. É máis, “o propio alcalde recoñece que é un problema da súa xestión”.

López: “Basta xa de mentiras e cortinas de fume. O alcalde ten que aclarar a situación do matadoiro, a situación das contas e tamén a onde foron parar os 200.000 euros que faltan, un burato que claramente abocou o servizo á situación actual”.

Nese sentido, a voceira insta ao alcalde a “aclarar a pésima xestión e asumir as responsabilidades políticas de ter levado ao matadoiro ata esta situación, da que o goberno de Camiña Sarria é o único artífice”.

REACTIVACIÓN DA COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN

O goberno de Camiña Sarria fixo oídos xordos á petición recente do PP para “reactivar de forma urxente” a comisión de investigación do matadoiro municipal ampliando o seu ámbito á supervisión da xestión do servizo.