Samos, 15 de outubro de 2024. O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, denuncia unha vez máis que “as persoas maiores usuarias do Servizo de Axuda no Fogar volven quedar sen esta atención cando a traballadora pide horas de asuntos propios. A situación nos servizos sociais é insostible”, asegura.
Os populares levan máis dun ano advertindo desta situación de “deixadez e irresponsabilidade” por parte da alcaldesa. “Cada vez vai a máis. Somos coñecedores de que moitas das empregadas do SAF están sendo chamadas para que vaian ao centro de maiores deixando descuberto o servizo de atención a domicilio”.
En vista de que este problema continúa producíndose constantemente, solicitaremos á consellería de Política Social que faga unha inspección de como está xustificando o goberno local o cobro dunha subvención de máis de 130.000€ cando o servizo deixa de darse un día si e outro tamén”.
Os populares de Samos cren que “Inspección de Traballo debería controlar se, aparte do persoal do SAF, cubran horas no centro de maiores operarios do concello e persoal de limpeza” á vista de que “para este tipo de tarefas os traballadores e traballadoras a lei esixe uns requisitos e coñecementos específicos”.
Miguel Gallego quere saber “que tipo de xestión está facendo a concelleira de asuntos sociais”. De feito, cre que “deixa aos maiores abandonados, nin se preocupa de avisar ás casas, nin controla o centro día a día como corresponde ao seu cargo. O que estamos vendo é que se pasa absolutamente de todo, en vez de dar un servizo eficiente e como é debido aos nosos maiores que para iso pagan relixiosamente todos os meses e a pesar de facer reclamacións de nada lles vale”, conclúe.