Lugo, 12 de outubro de 2024.- Os deputados do PP de Lugo no Congreso – Francisco Conde, Jaime De Olano e Cristina Abades- piden ao Goberno de Sánchez no Día da Patroa da Garda Civil “dar resposta ás súas necesidades” e, máis concretamente, que asuma o compromiso, tal e como lle trasladaron dende o Grupo Popular, de “dignificar e recoñecer o seu labor” dotándoa de “máis medios persoais e materiais para garantir a prestación do servizo no rural”.
Os populares apoian “a súa presenza e consolidación na provincia” para colaborar cos Concellos “no mantemento da seguridade cidadá”. De feito, teñen demandado reforzar de forma urxente os postos da Garda Civil en todas aquelas zonas que carecen de Policía Local e cubrir tódalas prazas no Catálogo de Postos de Traballo na provincia; ademais de elaborar un plan de incentivo profesional e económico para os axentes que queiran ocupar postos de baixa demanda do medio rural e empregar de forma urxente as vacantes do persoal en reserva sen destino para dotar de máis medios aos cuarteis da provincia.
Os deputados do Partido Popular lucense no Congreso reivindican “a honra” coa que protexen o libre exercicio dos dereitos e liberdades e garanten a seguridade nas rúas, estradas, camiños e pobos “de cada un dos efectivos dos 45 postos da Comandancia de Lugo”.
DÉFICIT DE EFECTIVOS
Os populares condenan que “o Goberno de Sánchez descoide a seguridade dos lucenses” ante “o desmantelamento dos cuarteis no rural” e “o déficit de efectivos que sofre a provincia”. De feito, “non están cubertas as prazas do Catálogo de Postos de Traballo”; xa que a provincia de Lugo conta con 956 gardas civís en activo das 1.056 prazas asignadas. “Están sen cubrir 100 prazas, é dicir, o 10%”, explican. Por poñer algúns exemplos, dende o PP sinalan que “Concellos como Friol, O Valadouro ou Monterroso teñen prazas sen cubrir, impedindo atender con todas as garantías as necesidades dos seus veciños”.
E a estas vacantes hai que engadir os 104 axentes en situación de baixa médica, o que supón que “faltan 204 axentes na provincia de Lugo”.