“A situación económica do Concello de Pol están nun punto límite, polo que o alcalde ten que deixar de malgastar os cartos en compras innecesarias como o autobús, cando a realidade é que as pistas están tan danadas que non se pode circular por elas”.
A voceira popular, Nicole Grueira, criticou a actitude do alcalde durante o pleno desta semana. “A realidade é que Lino Rodríguez ten unha postura autoritaria, sen respectar os tempos que temos asignados para falar cada voceiro e sen responder ás preguntas que se lle realizan”, denunciou.
Neste pleno, os concelleiros do PP de Pol reclamaron solucións a problemas enquistados no municipio e que Lino Rodríguez “négase a atender” porque “prefire destinar o seu tempo e os cartos do Concello a comprar autobuses”.
Un dos problemas para o que pediron solucións dende o Grupo Municipal do PP é o arranxo de pistas. “Para que comprar un autobús senón ten por onde conducilo”, preguntou.
Pero hai outro tema que ten moi preocupados aos nais e pais do municipio: a situación que o alcalde provocou na escola. Neste centro educativo Lino Rodríguez decidiu retirar este curso o conserxe municipal que abría e pechaba a instalación, ao que se engade que “hai poucos días tamén deixou de prestar o servizo de desratización”.
Outros problemas que afectan ao municipio son o arranxo do polideportivo, que provoca que os nenos xoguen en condicións moi precarias, e que haxa serios problemas para que os traballadores do Concello cobren as súas nóminas a fin de mes.
“Pol precisa dun alcalde serio, que cumpra co seu traballo, que escoite aos veciños e que deixe de malgastar o diñeiro en cousas totalmente innecesarias porque o que está a facer Lino Rodríguez é condenar a Pol á bancarrota”, denunciou.