Tralo sucedido onte no Pazo dos Deportes e as declaracións do Vicepresidente da Deputación, Antonio Ameijide agarda que Efrén Castro “teña a vergoña suficiente para asumir que é o causante desta situación por negarse a solucionar os numerosos problemas desta instalación”.
Dende o Grupo Popular culpa directamente a Efrén Castro da “penosa imaxe” que se transmitiu onte de Lugo: “o nome de Lugo é titular en España por unha noticia moi mala da que o único responsable é Efrén Castro por levar máis de 5 anos negándose a asumir e solucionar os problemas do Pazo”.
Dende o PP recordan que a necesidade de renovar a cuberta “non é algo novo, xa que os problemas de goteiras e condensación levan anos sendo unha triste realidade de todos os equipos que adestran e xogan no Pazo, pero Efrén Castro sempre buscou escusas para non acometer unha obra que hai anos que se tería que ter realizado”.
Antonio Ameijide tamén recorda que hai que solucionar outros problemas moi preocupantes, como o da climatización, entre outros: “se dende o BNG dedicaran a traballar por solucionar os problemas do Pazo o mesmo tempo e enerxía que puxeron en buscar escusas hoxe non teríamos que lamentar a suspensión dun encontro da Liga ACB polas goteiras”.