Partido Popular de Lugo

Tras 14 anos sen facer nada da residencia comprometida no Saviñao, o PP pregunta a PSOE e BNG que van facer coa parcela que tiña que albergala

Venres, 4 de outubro de 2024. O Grupo Provincial Popular pregunta ao goberno de PSOE e BNG que vai facer coa parcela que tiña que albergar a residencia do Saviñao, un compromiso adquirido hai 14 anos, e da que a día de hoxe nada se fixo.

Os deputados provinciais, Antonio Ameijide e Luis Fernández, xunto ao alcalde da localidade, Carlos Armesto, e varios concelleiros visitaron esta parcela e constataron “o abandono do goberno de PSOE e BNG a esta parcela e ao proxecto”.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, recorda que o compromiso da Deputación de Lugo con todos os veciños do Saviñao vén do ano 2010 (asinado oficialmente en xaneiro de 2011). A residencia construiríase nunha parcela sita no casco urbano e que se adquiriu a través da extinta SUPLUSA.

Ameijide explica que no vindeiro pleno se preguntará ao goberno provincial que pensa facer con esta parcela xa que “tela abandonada non é unha solución polo que tanto PSOE como BNG deben dicir que pensan facer con ela para o seu aproveitamento público en beneficio dos veciños e veciñas”.

Ameijide incide en que “o estado de total abandono desta parcela é outro exemplo máis da falta de mantemento e atención por parte do goberno de PSOE e BNG ao patrimonio da Deputación de Lugo. Mentres que gobernos do Partido Popular foron capaces de poñer en valor o territorio, adquirir bens, poñelos en funcionamento e conservalos; o actual goberno da Deputación Provincial non é capaz de conservar e manter o seu patrimonio”.

Neste caso, trátase dunha finca de máis de 8.000 metros cadrados moi ben situada en Escairón, a capitalidade deste municipio da Ribeira Sacra, que podería estar ofrecendo un servizo público.

PATRIMONIO PROVINCIAL ABANDONADO

O estado desta parcela sen rozar nin coidar no centro urbano é un exemplo máis do “abandono do patrimonio provincial por parte do goberno de PSOE e BNG. Outra evidencia desta situación na Ribeira Sacra son as intransitables estradas provinciais que xeran mala imaxe dun territorio que aspira a ser Patrimonio Mundial e, o que é máis grave, poden chegar a ser un perigo para veciños e visitantes”.

Ameijide cita tamén o complexo turístico de Augasmestas, en Quiroga, entre outras propiedades ao longo da provincia coma o edificio que alberga o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) en Lugo que leva meses sufrindo goteiras e filtracións que afectan á actividade diaria e á conservación das pezas que alberga ou a nave de Begonte onde se acumulan materiais fóra de uso e que o goberno provincial mantiña descoidados ata que os deputados do Partido Popular pediron o seu inventariado.