Lugo, 2 de novembro de 2024.- O parlamentario José Manuel Balseiro puxo en valor o acordo acadado no día de onte no Senado que esixe ao Goberno de Pedro Sánchez recuperar as variantes ferroviarias necesarias para a chegada do AVE a Lugo.
A iniciativa dos senadores do PP lucense saíu adiante na Comisión de Infraestruturas da Cámara Alta a pesar do voto en contra do PSOE e de que a única senadora do BNG estivo ausente, non participou no debate, nin na votación.
“O Goberno Sánchez xa non ten escusas. Ten un mandato claro para rectificar a súa posición actual e financiar a execución das variantes ferroviarias de Os Peares e Canabal e de Rubián, comprometidas polo Goberno de Mariano Rajoy e anuladas pouco despois de que o PSOE accedese á Moncloa”
Balseiro lembra tamén a situación de discriminación que sofren os lucenses dado que Lugo é a única provincia galega, e a única capital de provincia de Galicia, á que non chega ao AVE, nin hai un prazo previsto para a posta en marcha da alta veloclidade.
O dirixente popular tamén censura o conformismo do PSOE e a súa falta de capacidade reivindicativa porque se limita a destacar o investimento que realiza na liña Ourense-Lugo sen explicar que toda esa inversión non sirve para que chegue o AVE, “só circularán trens convencionais, tratando aos lucenses como cidadáns de segunda”.
Balseiro amosouse convencido tamén de que si en vez de Sánchez fose Alberto Núñez Feijóo o presidente do Goberno, Lugo xa tería AVE e vinculou o castigo de Moncloa a Lugo ao feito de que esta sexa a provincia española con mellor resultado electoral para o PP.